venres, 30 de outubro de 2026

Celebramos o Samaín e o Magosto!

Hoxe celebramos no cole o noso Samagosto, unha xornada na que o Samaín e o Magosto se deron a man para gozar das tradicións do outono.

Non faltaron os disfraces arrepiantes, os contos de medo, a música, os xogos populares, o teatro musical de 5º de Primaria e, por suposto, as castañas asadas! 

Desde a biblioteca e o equipo de dinamización da Lingua Galega, tamén quixemos poñer o noso gran de area nesta celebración con dúas propostas moi especiais.

«Léme, profe!» 

Varios mestres e mestras convertéronse en contacontos por un día e compartiron co alumnado diferentes historias de medo. Arredor da nosa lareira, os nenos e nenas deixáronse levar por relatos cheos de misterio, sustos e imaxinación.

Unha maneira moi especial de gozar da lectura e descubrir que as historias tamén cobran vida cando alguén nolas conta.

Concurso de Samaín: lendas e historias arrepiantes

Este ano, o noso concurso estivo relacionado co PDI Conmeniño Peregrino, combinando a temática do Samaín coas lendas e os misterios do Camiño de Santiago.

Cada etapa participou cunha proposta diferente:

  • Educación Infantil: debuxos de casas arrepiantes
  • 1º, 2º e 3º de Primaria: debuxos inspirados nas lendas do Camiño de Santiago.
  • 4º, 5º e 6º de Primaria: escritura de lendas relacionadas co Camiño de Santiago.

O alumnado sorprendeunos cunha chea de traballos nos que non faltaron a imaxinación, a creatividade e o misterio.

Durante a xornada tamén celebramos a entrega de premios do concurso. Parabéns ao alumnado premiado e a todos os nenos e nenas que se animaron a participar! 

A continuación, compartimos algunhas fotografías dos traballos presentados, da entrega de premios e dos momentos vividos durante a actividade «Léme, profe!». 















E se queredes ver máis de todo o que vivimos neste Samagosto, podedes acceder ao vídeo publicado no Instagram do cole escaneando o código QR que atoparedes a continuación.



Retos de Samaín con pezas Kapla!

Esta semana, o Samaín tamén chegou á nosa biblioteca en forma de retos de construción! 

Durante os recreos, puxemos á disposición do alumnado diferentes retos con pezas Kapla, nos que había que reproducir figuras relacionadas co Samaín seguindo uns modelos. A proposta tamén chegou a algunhas aulas, e foron varios os nenos e nenas que se animaron a participar.

Cabazas, pantasmas e outras figuras arrepiantes foron tomando forma a medida que os participantes observaban os modelos e buscaban a maneira de construílos, peza a peza. 

Para superar os retos, foi necesario prestar atención aos detalles, organizar as pezas, compartir ideas e traballar en equipo, axudándose uns aos outros para conseguir o resultado esperado.

Unha proposta divertida coa que traballamos a concentración, a orientación espacial, a coordinación e a resolución de problemas, mentres gozamos dun tempo de xogo compartido.












mércores, 28 de outubro de 2026

Descubrimos o mundo da dobraxe!

Hoxe na biblioteca, os nenos e nenas de 4º e 5º de Primaria participaron nun interesante obradoiro de dobraxe da man de Manuel Pombal, que nos permitiu achegarnos ao fascinante mundo das voces que dan vida aos personaxes das películas e dos debuxos animados.

Durante a actividade, descubrimos en que consiste o traballo dos actores e actrices de dobraxe e a importancia da voz, da entoación e da expresividade para transmitir emocións e dar personalidade aos personaxes.

Pero o máis divertido chegou cando nos convertemos en auténticos dobradores e dobradoras! 
Tivemos a oportunidade de poñerlles as nosas propias voces a diferentes escenas de Bob Esponxa, comprobando que detrás de cada diálogo hai moito máis traballo do que parece.

Foi unha experiencia moi enriquecedora e divertida, na que puidemos traballar a expresión oral, a creatividade e a interpretación, ao tempo que descubrimos unha profesión moi interesante.

Moitas grazas a Manuel Pombal por compartir connosco os seus coñecementos e achegarnos ao mundo da dobraxe dunha maneira tan amena e participativa!













luns, 26 de outubro de 2026

Na biblioteca tamén xogamos!

A biblioteca escolar é un espazo cheo de posibilidades, onde os libros e a lectura conviven co xogo, a creatividade e as experiencias compartidas. 

Estes días, os nenos e nenas de Educación Infantil gozaron dun tempo de xogo na biblioteca, explorando diferentes materiais, deixando voar a imaxinación e compartindo momentos cos seus compañeiros e compañeiras.

Porque xogando tamén aprendemos: desenvolvemos a creatividade, a comunicación, a cooperación e a capacidade de resolver pequenos retos, ao tempo que aprendemos a compartir e a convivir.

Queremos que a nosa biblioteca sexa un espazo acolledor, vivo e aberto a diferentes formas de aprender, onde os nenos e nenas descubran o pracer da lectura desde pequenos e atopen tamén oportunidades para explorar, crear e gozar xuntos.

Ler, xogar, imaxinar, descubrir e compartir… Así vivimos a nosa biblioteca!














venres, 16 de outubro de 2026

CONCURSO SAMAÍN

Participa no 5º Concurso de Samaín do cole: “Conmeniño peregrino… Lendas no Camiño”.

Animámosvos a participar e a deixar voar a imaxinación a través das diferentes propostas, segundo o curso:

  • Educación Infantil: debuxo de casas arrepiantes.

  • 1º, 2º e 3º de Primaria: ilustración de lendas do Camiño.

  • 4º, 5º e 6º de Primaria: recompilación de lendas do Camiño.

📅 Data límite de entrega: martes 27 de outubro.

Haberá premios nas distintas categorías!

Agardamos as vosas creacións. Anímate a participar!



 

Celebramos o Día das Bibliotecas!

O vindeiro 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas e, desde a nosa biblioteca escolar, queremos festexalo cunha actividade moi especial! 

Durante toda a próxima semana, convidámosvos a achegarvos á biblioteca nos recreos para facervos unha foto co voso libro favorito. 

Podedes traer da casa ese libro que tanto vos gustou ou escoller un dos vosos favoritos da biblioteca.

Con todas as fotografías crearemos unha gran colección de recomendacións lectoras, feita entre todos os nenos e nenas do cole, para compartir as nosas lecturas favoritas e descubrir novas historias grazas aos compañeiros e compañeiras.

Porque non hai nada mellor que un bo libro… agás compartilo con outras persoas! 

Animádevos a participar! Agardámosvos na biblioteca!




mércores, 14 de outubro de 2026

Chefs da Biblioteca: receitas para morrer de medo!

A semana pasada, a nosa biblioteca transformouse nunha cociña moi peculiar! Os nenos e nenas de 5º de Primaria participaron nunha actividade de escritura creativa na que a imaxinación foi o ingrediente principal. 

Baixo o título «Chefs da Biblioteca», o alumnado, organizado por parellas, tivo que superar diferentes retos.

No primeiro, «O mapa dos sabores», exploraron os libros de cociña da biblioteca, aprenderon a localizalos a través da súa clasificación e descubriron como se organizan as receitas, identificando os ingredientes e os pasos da elaboración.

No segundo reto, «Receita asquerosa», chegou o momento de deixar voar a imaxinación! A partir dos modelos consultados, cada parella inventou a súa propia receita noxenta ou arrepiante, combinando ingredientes imposibles, cantidades disparatadas e instrucións para elaborar pratos que ninguén se atrevería a probar. 

Deste xeito, traballaron a escritura creativa e os textos instrutivos, aprendendo a organizar a información, seguir unha estrutura e empregar vocabulario adecuado, todo a través do xogo e da creatividade.

Pero a aventura aínda non rematou! 

O seguinte reto será «Chefs na Radio», no que os nosos cociñeiros e cociñeiras presentarán as súas terroríficas creacións na radio escolar. Estade moi atentos e atentas, porque proximamente poderedes escoitar estas receitas tan especiais!

Quen se atreverá a probalas?