venres, 19 de decembro de 2025

Recomendacións lectoras

Queridos lectores/as e familias:

Hoxe comezan as vacacións de Nadal, un tempo moi especial para descansar, desfrutar da familia… e tamén para mergullarse en boas historias.

Desde o cole queremos compartir convosco unha selección de lecturas pensadas para acompañar estes días de descanso. Hai contos cheos de maxia, aventuras emocionantes, libros divertidos e historias para soñar, pensar e emocionarse durante as vacacións.

Agardamos que estas recomendacións vos animen a seguir lendo e a gozar da lectura tamén nestes días tan especiais.

👉 Fai clic na imaxe para saber de que trata cada libro: Link recomendacións lectoras

Desexámosvos unhas vacacións cheas de ilusión, bos momentos e lecturas compartidas.

Bo Nadal e por un feliz 2026 cheo de boas historias!

mércores, 17 de decembro de 2025

Festival de panxoliñas no Auditorio do Grove

Hoxe celebrouse no Auditorio do Grovefestival de panxoliñas organizado pola Escola de Música Municipal. Foi unha xornada moi especial na que a música e o espírito do Nadal estiveron moi presentes.

Do noso centro participaron os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria, que subiron ao escenario con moita ilusión e fixeron unha actuación fantástica. Cantaron e tocaron con entusiasmo, demostrando todo o traballo realizado durante as semanas previas, polo que queremos felicitalos polo seu esforzo e bo facer.

O resto do alumnado do colexio non quixo perderse este momento tan bonito e acompañámolos desde a biblioteca, onde nos reunimos todos xuntos para seguir a súa actuación en directo. Foi un momento de convivencia, apoio e compañeirismo, no que animamos aos nosos compañeiros e compartimos a emoción de velos actuar.

Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora que nos axudou a seguir creando lazos como comunidade educativa e a vivir o Nadal dun xeito especial.






xoves, 11 de decembro de 2025

Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Celebramos no centro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade cunha actividade moi especial preparada polos nosos amigos de AMICOS. Grazas a eles, o noso alumnado puido participar nunha xincana de xogos vivenciais deseñada para poñerse, por un momento, no lugar doutras persoas e comprender mellor os retos que afrontan no seu día a día.

Ao longo da mañá percorremos diferentes estacións nas que experimentamos limitacións sensoriais, dificultades de movemento ou alteracións na percepción. Estes pequenos desafíos axudáronnos a reflexionar sobre a importancia da accesibilidade, do apoio mutuo e do valor das diferenzas que nos constrúen como comunidade.

O equipo de AMICOS tamén compartiu connosco unha charla adaptada para o alumnado, na que explicaron con claridade que significa realmente a discapacidade, derrubando estereotipos e promovendo unha mirada baseada no respecto, a empatía e a tolerancia.

Foi unha xornada chea de aprendizaxes, emocións e descubrimentos, na que todos e todas participamos con gran ilusión.

Grazas a AMICOS pola súa colaboración e por axudarnos a educar desde a experiencia e a inclusión.

Un día que, sen dúbida, nos fai crecer como persoas e como comunidade educativa.
















Visita da escritora Paula Carballeira á nosa biblioteca

Onte tivemos a sorte de recibir na biblioteca do centro á escritora Paula Carballeira, que compartiu con nós unha sesión chea de humor, emoción e historias marabillosas. O alumnado de Infantil, e 2º de Primaria participou con moito entusiasmo, escoitando contos divertidos que nos recordaron a importancia da amabilidade e de tratar ben ás persoas que nos rodean.

Paula Carballeira é unha autora galega moi recoñecida no ámbito da literatura infantil e xuvenil. Ademais de escritora, tamén é actriz e directora teatral, polo que logra darlle ás súas historias unha forza especial que engancha tanto a pequenos coma a maiores.

Queremos agradecerlle a Paula a súa visita, o seu cariño e a maneira tan próxima coa que conquistou ao noso alumnado. Foi un auténtico agasallo poder desfrutar da súa presenza e do seu talento.

Grazas tamén a todos os nenos e nenas por participar con tanta ilusión. Seguimos enchendo a biblioteca de boas historias… e de amabilidade!







mércores, 10 de decembro de 2025

Excursión a Santiago de Compostela

Onte, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria gozou dunha xornada moi especial en Santiago de Compostela, chea de aprendizaxe e boas experiencias.

O alumnado de 3º e 4º comezou o día visitando o Museo do Pobo Galego, onde participou nunha actividade que nos permitiu coñecer o museo a través das cantigas populares, descubrindo a nosa cultura dun xeito lúdico e participativo.

Mentres tanto, o alumnado de 5º e 6º realizou unha visita ao Museo de Historia Natural, explorando espazos, animais e curiosidades científicas que espertaron a súa curiosidade e ganas de saber máis.

Despois, todos e todas xuntámonos para subir aos tellados da Catedral de Santiago, onde puidemos descubrir a súa historia e gozar dunha panorámica espectacular da cidade.

Para rematar, desfrutamos dun pouco de tempo libre no parque da Cidade da Cultura, un espazo perfecto para descansar, xogar e compartir impresións do día.

Foi unha xornada completa, chea de aprendizaxe, descubrimentos e convivenciaAgardamos con ilusión poder repetir moi pronto outra saída tan especial coma esta.
















venres, 5 de decembro de 2025

Contacontos da Biblioteca Municipal

✨ Que hai mellor que un conto? 📚💛

A Biblioteca Municipal do Concello achegouse ás nosas aulas para compartir un conto precioso narrado con kamishibai, unha técnica que sempre nos encanta pola súa maxia.

Nesta ocasión coñecimos a historia de Valentina, unha nena que se muda ao Grove e, pouco a pouco, aprende a superar os novos obstáculos, a facer amizades e a gozar dunha aventura chea de cambios e ilusións. 🏡✨

Foi un momento cheo de emoción, aprendizaxe e moita imaxinación. Grazas á biblio municipal por seguir sementando o amor pola lectura entre os nosos nenos e nenas! ❤️📖







xoves, 4 de decembro de 2025

Lector/a do mes de Novembro!

Queremos felicitar ao gañador e á gañadora do concurso “Lector/a do mes” neste mes de novembro:

Hugo, de 1º de EP, e Ana, de 4º de EP.

Parabéns aos dous polo seu entusiasmo lector e por gozar tanto dos libros. Sodes un gran exemplo para toda o cole!

Lembrade que, cada vez que rematedes un libro, podedes anotar o voso nome nos papeis preparados na biblioteca e depositalos na caixiña rosa. A finais de cada mes realizaremos o reconto e anunciaremos os novos/as gañadores/as.

Animámosvos a todos e todas a seguir lendo, descubrindo novas historias e participando no concurso.

Ler é, sobre todo, un placer e unha aventura que nos acompaña sempre.






xoves, 27 de novembro de 2025

As mulleres silenciadas da Idade Moderna - 25N -

No marco do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o alumnado de 5º de Primaria organizou a actividade “As mulleres silenciadas da Idade Moderna”, integrada na temática do noso PDI deste curso, Retroviaxe.

Ao longo desta actividade, as nenas e nenos guiáronnos por unha auténtica viaxe no tempo para coñecer artistas, exploradoras, científicas e pensadoras que deixaron unha fonda pegada na historia, aínda que durante séculos foron invisibilizadas polo simple feito de ser mulleres.

Foi un día para aprender, compartir e reflexionar, para lembrar que elas tamén descubriron o mundo e contribuíron ao seu avance.

Porque o 25N non é só unha data para lembrar, senón para reafirmar un compromiso: que ningunha voz volva ser silenciada.








luns, 24 de novembro de 2025

Mes da Ciencia en galego na aula de 5 anos!

 🦕 Na aula de 5 anos seguimos viaxando ao pasado!

Aproveitando o Mes da Ciencia en Galego, os nenos e nenas de 5 anos que están inmersos nun proxecto sobre os Dinosaurios, investigaron como puido ser a súa extinción… e puxéronse mans á obra cun experimento de volcán espectacular! 🌋✨

O mellor de todo? Saíulles tan ben que decidiron converterse en pequenos divulgadores e llo amosaron aos máis pequenos do cole! 🧪💚

Aprendizaxe, ciencia e xogo… todo nunha mesma explosión de entusiasmo!!!





luns, 10 de novembro de 2025

Comeza o Club de Lectura do curso 2025/2026!

Estamos moi ilusionadas de anunciar que xa deu comezo unha nova aventura lectora no nosa biblioteca! Neste curso 25/26, o Club de Lectura conta coa participación do alumnado de 3º, 4º e 5º de Primaria e... o grupo de 2º que se uniu sobre a marcha!

Como primeira actividade, os nosos pequenos lectores e lectoras puxeron a proba toda a súa creatividade deseñando o logo e o nome oficial do club. As propostas reflicten á perfección a ilusión coa que iniciamos este proxecto!

Nos próximos días descubriremos con que libros imos comezar a traballar. Seguro que serán lecturas cheas de aventuras, misterio e emocións que nos farán desfrutar e aprender xuntos.

Agardamos que este sexa un ano cheo de páxinas por descubrir, personaxes inesquecibles e moitas ganas de ler. O Club de Lectura 25/26 acaba de comezar... e promete ser unha experiencia marabillosa!









Hoxe tivemos a segunda sesión do Club de Lectura de 3º de Primaria, e foi todo un éxito. Para dar inicio a esta nova aventura, organizamos un pequeno xogo de pistas no que o alumnado tivo que poñer a proba a súa intuición, a súa atención e, por suposto, as súas ganas de ler.

Cada pista levounos un pasiño máis preto de descubrir o primeiro libro que traballaremos este curso no club. O título escollido é Somos os monstros, da autora galega Paula Carballeira. Unha obra de teatro chea de imaxinación, humor e reflexións sobre o medo, a identidade e a amizade. Estamos seguras de que vai dar moito xogo nas próximas sesións!

Agardamos seguir disfrutando destas pequenas xuntanzas lectoras que fan medrar a curiosidade, o gusto pola lectura e a ilusión por compartir historias.

O club de lectura xa está en marcha… e promete ser monstruosamente divertido!






Unha vez coñecido o libro, chegou o momento de dar identidade ao noso club. Entre todos e todas propuxemos diferentes ideas para escoller un nome e crear un logo que nos representase. Deste xeito, sentimos que formabamos parte da creación do club e que este era un proxecto construído por todo o grupo.



Nas semanas seguintes mergullámonos na lectura da obra de teatro "Somos os monstros", de Paula Carballeira. Pouco a pouco fomos descubrindo a historia, coñecendo ás súas personaxes e interpretando os seus diálogos. A lectura compartida permitiunos gozar da obra dunha maneira moi especial, poñendo voz a cada personaxe e dando vida ás escenas como auténticos actores e actrices.









Ao rematar a lectura, puxemos en marcha a nosa imaxinación. Inspirándonos no libro, inventamos unha nova personaxe para a historia: o noso propio monstro. Reflexionamos sobre o seu aspecto, os seus gustos, a súa personalidade e tamén sobre os seus medos, comprendendo que, igual que lles ocorre aos protagonistas da obra, todos temos fortalezas e inseguridades que forman parte de nós.







Para pechar esta experiencia realizamos un traballo colaborativo por equipos. A través dunha actividade artística, decoramos ao Monstro Grande utilizando pequenos anacos de papel de cores, creando unha obra colectiva na que cada persoa achegou a súa parte para construír un resultado común.





Ao longo destes meses, o club de lectura converteuse nun espazo para compartir lecturas, expresar ideas, traballar en equipo, desenvolver a creatividade e descubrir o pracer de ler xuntos. Ademais de coñecer unha magnífica obra teatral, aprendemos que os libros poden ser unha porta aberta á imaxinación, á reflexión e á convivencia.

Foi unha experiencia moi enriquecedora que nos deixou grandes momentos, moitas aprendizaxes e, sobre todo, ganas de seguir compartindo novas aventuras lectoras nos vindeiros cursos. 

As bruxas: unha lectura chea de aventuras dentro e fóra das páxinas

Este curso, o alumnado de 5.º de Primaria mergullouse na lectura de As bruxas, de Roald Dahl, unha historia que nos permitiu vivir moitas aventuras e descubrir que un libro pode dar pé a experiencias moi diferentes, todas elas relacionadas coa imaxinación, a creatividade e o traballo en equipo.

A medida que avanzabamos na lectura, fomos comentando os diferentes acontecementos da historia e reflexionando sobre os seus personaxes. Unha das actividades que máis nos fixo pensar foi a elaboración dun mural en lembranza dos nenos e nenas desaparecidos a causa das bruxas. Nel recollemos os seus nomes e ilustramos as súas historias, convertendo esta proposta nunha maneira de recordar aqueles personaxes que, aínda sendo ficticios, forman parte da aventura narrada por Roald Dahl. Ademais de traballar a comprensión lectora, esta actividade axudounos a analizar a importancia de cada personaxe dentro da obra e a expresar artisticamente o que a lectura nos transmitía.

Unha vez rematada a novela, chegou o momento de comparala coa súa adaptación cinematográfica. Vimos a película e, entre todos e todas, analizamos as principais diferenzas entre ambas versións. Comentamos as escenas que non aparecen na película, os cambios introducidos nalgúns personaxes e o distinto final da historia. Este intercambio de opinións permitiunos comprobar que unha mesma obra pode contarse de formas diferentes e que a lectura ofrece, en moitas ocasións, unha experiencia máis completa e rica en detalles.

Outra das novidades deste curso foi a posta en marcha da radio escolar, e o Club de Lectura tivo a oportunidade de estrear este novo recurso coa gravación dun podcast dedicado a As bruxas. Nel compartimos recomendacións, impresións sobre a lectura e as nosas opinións acerca dos momentos máis sorprendentes da historia. Foi unha experiencia moi enriquecedora, na que aprendemos a preparar un guión, organizar as intervencións, expresarnos con claridade diante do micrófono e traballar de maneira colaborativa para conseguir un produto final do que nos sentimos moi orgullosos.

Como broche final desta aventura literaria, realizamos unha saída a Baiona, onde relacionamos a lectura coa navegación, un elemento moi presente na historia. Durante a visita embarcámonos nunha actividade na que, entre lendas e historias de bruxas, nos convertimos en auténticos exploradores na procura destes misteriosos personaxes. Esta experiencia permitiunos trasladar a lectura ao mundo real, descubrindo o patrimonio marítimo da nosa contorna ao tempo que deixabamos voar a nosa imaxinación.

Con todas estas actividades comprobamos, unha vez máis, que ler é moito máis que pasar páxinas. Cada libro pode abrir a porta a novas aprendizaxes, experiencias compartidas e momentos inesquecibles. As bruxas acompañounos durante boa parte do curso e deixounos grandes recordos, demostrando que as mellores historias continúan vivindo moito tempo despois de rematar a súa lectura.







No 2º curso de Educación Primaria, o Club de Lectura foi unha experiencia inesquecible que deixou unha gran pegada nos pequenos grandes lectores.

Durante este curso escolar con tanta Historia, mergullámonos na lectura de mitos clásicos da Antiga Grecia. Pandora, Perseo e Medusa, Hércules, Teseo e o minotauro... Heroinas, heroes e criaturas mitolóxicas que abriron unha porta á imaxinación e nos deixaron unha chea de aprendizaxes.

Despois de cada lectura, fixemos un debate sobre ela, poñendo en común as partes da historia que máis nos gustaran e comentando as características das personaxes, analizando os seus comportamentos.


A continuación, fomos adaptando cada mito ao formato de banda deseñada.

O Día do Libro organizamos un contacontos para os máis pequenos, aos que lles contamos a historia de "Os 12 traballos de Hércules". Dado o éxito experimentado, decidimos gravar a narración na radio, para que nos escoitasen as familias. Foi unha experiencia chulísima!



Pero no Club de Lectura, ademais de mitos, lemos moita poesía. Leire Bilbao, Gloria Fuertes, Concha Blanco, Antonio García Teijeiro, Pedro Mañas... e os nosos favoritos: Mar Benegas e Eduard Velasco.


Os seus poemas nos convidaron a recitar xogando coas palabras e a entonación, ilustrar versos, crear unha morea de rimas, e mesmo a inventar o noso propio poema!




O Día da Poesía regalámoslle un poema a Fran, o noso conserxe, adicado ás súas unllas de cores que tanto nos gustan.



E así rematamos o terceiro trimestre, coa esixencia e a urxencia de ler un poema ao día, gozando da escolla de poemas dos nosos compañeiros e compañeiras, que tan bo criterio amosaron para seleccionar as lecturas que foron compartindo ao longo dos días.

Aquí vos deixamos a nosa selección:


Un final de curso para compartir: convivencia, lingua e lectura

Como peche das actividades deste curso, o alumnado do Club de Lectura participou nunha xornada moi especial de convivencia xunto ao CEIP As Bizocas, unha experiencia que nos permitiu volver compartir a lectura, a lingua e a cultura galega con outros compañeiros e compañeiras.

A mañá comezou cun encontro entre o alumnado dos dous centros, no que puidemos coñecernos mellor e participar en diferentes xogos tradicionais, recuperando formas de lecer de antes e poñendo en valor o noso patrimonio cultural. Foi unha oportunidade para aprender, colaborar e divertirse nun ambiente de convivencia e respecto.

Durante a xornada tamén gozamos da actuación do grupo 5 en Zocas, do que forman parte varios alumnos e alumnas do noso Club de Lectura. A súa música encheu de alegría o encontro e puxo de manifesto a importancia de seguir mantendo vivas as nosas tradicións a través da música popular galega.

Como broche desta convivencia, todos os participantes unímonos para interpretar e bailar a canción "Somos os mecos do Jrove", unha actividade promovida polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega. A través da música compartimos un mesmo sentimento de pertenza, amizade e orgullo pola nosa lingua, convertendo este momento nun dos máis emotivos da xornada.

A celebración continuou coa participación no Correlingua, en Pontevedra, unha iniciativa que reúne cada ano milleiros de escolares arredor da defensa e promoción da lingua galega. Antes da saída, o alumnado elaborou diferentes carteis nos que quixo expresar a importancia da lectura como ferramenta para manter viva a nosa lingua, destacando que cada libro lido en galego contribúe a conservar, enriquecer e transmitir o noso patrimonio cultural ás novas xeracións.

Esta actividade final permitiunos comprobar que a lectura vai moito máis alá dos libros: convértese nun punto de encontro, nunha forma de compartir experiencias e nun vehículo para fortalecer a nosa identidade e o compromiso coa lingua galega. Deste xeito puxemos o mellor broche posible a un curso cheo de historias, aprendizaxes e momentos compartidos.









Finalmente, deixámosvos imaxes dos nosos encontros con autoras, Estefanía Padullés e Paula Carballeira








Feliz verán e boas lecturas!