venres, 19 de decembro de 2025

Recomendacións lectoras

Queridos lectores/as e familias:

Hoxe comezan as vacacións de Nadal, un tempo moi especial para descansar, desfrutar da familia… e tamén para mergullarse en boas historias.

Desde o cole queremos compartir convosco unha selección de lecturas pensadas para acompañar estes días de descanso. Hai contos cheos de maxia, aventuras emocionantes, libros divertidos e historias para soñar, pensar e emocionarse durante as vacacións.

Agardamos que estas recomendacións vos animen a seguir lendo e a gozar da lectura tamén nestes días tan especiais.

👉 Fai clic na imaxe para saber de que trata cada libro: Link recomendacións lectoras

Desexámosvos unhas vacacións cheas de ilusión, bos momentos e lecturas compartidas.

Bo Nadal e por un feliz 2026 cheo de boas historias!

mércores, 17 de decembro de 2025

Festival de panxoliñas no Auditorio do Grove

Hoxe celebrouse no Auditorio do Grove o festival de panxoliñas organizado pola Escola de Música Municipal. Foi unha xornada moi especial na que a música e o espírito do Nadal estiveron moi presentes.

Do noso centro participaron os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria, que subiron ao escenario con moita ilusión e fixeron unha actuación fantástica. Cantaron e tocaron con entusiasmo, demostrando todo o traballo realizado durante as semanas previas, polo que queremos felicitalos polo seu esforzo e bo facer.

O resto do alumnado do colexio non quixo perderse este momento tan bonito e acompañámolos desde a biblioteca, onde nos reunimos todos xuntos para seguir a súa actuación en directo. Foi un momento de convivencia, apoio e compañeirismo, no que animamos aos nosos compañeiros e compartimos a emoción de velos actuar.

Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora que nos axudou a seguir creando lazos como comunidade educativa e a vivir o Nadal dun xeito especial.






xoves, 11 de decembro de 2025

Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Celebramos no centro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade cunha actividade moi especial preparada polos nosos amigos de AMICOS. Grazas a eles, o noso alumnado puido participar nunha xincana de xogos vivenciais deseñada para poñerse, por un momento, no lugar doutras persoas e comprender mellor os retos que afrontan no seu día a día.

Ao longo da mañá percorremos diferentes estacións nas que experimentamos limitacións sensoriais, dificultades de movemento ou alteracións na percepción. Estes pequenos desafíos axudáronnos a reflexionar sobre a importancia da accesibilidade, do apoio mutuo e do valor das diferenzas que nos constrúen como comunidade.

O equipo de AMICOS tamén compartiu connosco unha charla adaptada para o alumnado, na que explicaron con claridade que significa realmente a discapacidade, derrubando estereotipos e promovendo unha mirada baseada no respecto, a empatía e a tolerancia.

Foi unha xornada chea de aprendizaxes, emocións e descubrimentos, na que todos e todas participamos con gran ilusión.

Grazas a AMICOS pola súa colaboración e por axudarnos a educar desde a experiencia e a inclusión.

Un día que, sen dúbida, nos fai crecer como persoas e como comunidade educativa.
















Visita da escritora Paula Carballeira á nosa biblioteca

Onte tivemos a sorte de recibir na biblioteca do centro á escritora Paula Carballeira, que compartiu con nós unha sesión chea de humor, emoción e historias marabillosas. O alumnado de Infantil, 1º e 2º de Primaria participou con moito entusiasmo, escoitando contos divertidos que nos recordaron a importancia da amabilidade e de tratar ben ás persoas que nos rodean.

Paula Carballeira é unha autora galega moi recoñecida no ámbito da literatura infantil e xuvenil. Ademais de escritora, tamén é actriz e directora teatral, polo que logra darlle ás súas historias unha forza especial que engancha tanto a pequenos coma a maiores.

Queremos agradecerlle a Paula a súa visita, o seu cariño e a maneira tan próxima coa que conquistou ao noso alumnado. Foi un auténtico agasallo poder desfrutar da súa presenza e do seu talento.

Grazas tamén a todos os nenos e nenas por participar con tanta ilusión. Seguimos enchendo a biblioteca de boas historias… e de amabilidade!







mércores, 10 de decembro de 2025

Excursión a Santiago de Compostela

Onte, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria gozou dunha xornada moi especial en Santiago de Compostela, chea de aprendizaxe e boas experiencias.

O alumnado de 3º e 4º comezou o día visitando o Museo do Pobo Galego, onde participou nunha actividade que nos permitiu coñecer o museo a través das cantigas populares, descubrindo a nosa cultura dun xeito lúdico e participativo.

Mentres tanto, o alumnado de 5º e 6º realizou unha visita ao Museo de Historia Natural, explorando espazos, animais e curiosidades científicas que espertaron a súa curiosidade e ganas de saber máis.

Despois, todos e todas xuntámonos para subir aos tellados da Catedral de Santiago, onde puidemos descubrir a súa historia e gozar dunha panorámica espectacular da cidade.

Para rematar, desfrutamos dun pouco de tempo libre no parque da Cidade da Cultura, un espazo perfecto para descansar, xogar e compartir impresións do día.

Foi unha xornada completa, chea de aprendizaxe, descubrimentos e convivencia. Agardamos con ilusión poder repetir moi pronto outra saída tan especial coma esta.
















venres, 5 de decembro de 2025

Contacontos da Biblioteca Municipal

✨ Que hai mellor que un conto? 📚💛

A Biblioteca Municipal do Concello achegouse ás nosas aulas para compartir un conto precioso narrado con kamishibai, unha técnica que sempre nos encanta pola súa maxia.

Nesta ocasión coñecimos a historia de Valentina, unha nena que se muda ao Grove e, pouco a pouco, aprende a superar os novos obstáculos, a facer amizades e a gozar dunha aventura chea de cambios e ilusións. 🏡✨

Foi un momento cheo de emoción, aprendizaxe e moita imaxinación. Grazas á biblio municipal por seguir sementando o amor pola lectura entre os nosos nenos e nenas! ❤️📖







xoves, 4 de decembro de 2025

Lector/a do mes de Novembro!

Queremos felicitar ao gañador e á gañadora do concurso “Lector/a do mes” neste mes de novembro:

Hugo, de 1º de EP, e Ana, de 4º de EP.

Parabéns aos dous polo seu entusiasmo lector e por gozar tanto dos libros. Sodes un gran exemplo para toda o cole!

Lembrade que, cada vez que rematedes un libro, podedes anotar o voso nome nos papeis preparados na biblioteca e depositalos na caixiña rosa. A finais de cada mes realizaremos o reconto e anunciaremos os novos/as gañadores/as.

Animámosvos a todos e todas a seguir lendo, descubrindo novas historias e participando no concurso.

Ler é, sobre todo, un placer e unha aventura que nos acompaña sempre.