xoves, 26 de marzo de 2026

Recreos cheos de poesía

O pasado 21 de marzo foi o Día Mundial da Poesía, e no noso centro quixemos darlle continuidade ao longo de toda a semana cunha actividade moi especial.

Durante os recreos, a biblioteca converteuse nun espazo de encontro arredor das palabras, onde o alumnado foi achegándose para recitar poemas elixidos por eles mesmos, moitos deles coa colaboración das súas familias.

Foron recreos diferentes, cheos de emoción, creatividade e sensibilidade, nos que a poesía estivo moi presente. Verso a verso, fomos descubrindo o pracer de escoitar, compartir e expresarnos.

Queremos agradecer a participación de todo o alumnado e das familias que colaboraron na elección dos poemas, facendo posible esta fermosa experiencia.

Porque a poesía tamén se vive… e no noso cole, estes días, sentiuse en cada recuncho.












luns, 16 de marzo de 2026

O xadrez chega á nosa biblio!

A pasada semana o alumnado tivo a oportunidade de iniciarse no apaixonante mundo do xadrez grazas á visita de José Manuel Prol Lusquiños, do Club Xadrez Cum Laude.

Desde os máis pequenos de 5 anos ata o alumnado de 6º de Primaria participaron nesta experiencia, na que puideron coñecer as pezas, os movementos básicos e algunhas estratexias deste xogo tan especial.

Ao longo das sesións, os nenos e nenas comprobaron que o xadrez non é só un xogo de mesa, senón tamén unha actividade que axuda a desenvolver habilidades como a concentración, a memoria, o razoamento lóxico e a capacidade para tomar decisións. Ademais, tamén promove valores como a paciencia, o respecto polo rival e o compañeirismo.

A través de pequenos retos e partidas adaptadas á súa idade, o alumnado participou con moito interese e curiosidade, descubrindo un deporte que permite aprender mentres se xoga.

Queremos agradecer a José Manuel a súa visita e o seu entusiasmo á hora de achegar o xadrez ao noso alumnado.











xoves, 12 de marzo de 2026

Lectora e lector do mes de febreiro

Na nosa biblioteca seguimos celebrando o gusto pola lectura. Este mes queremos felicitar aos lectores do mes de febreiro polo seu entusiasmo e interese polos libros.

A nosa lectora do mes é Yara, de 2º de Educación Primaria, e o lector do mes é Martiño, de 3º de Educación Primaria. Parabéns aos dous! 

Como é tradición, tamén quixeron compartir co resto de compañeiros e compañeiras as súas recomendacións lectoras, eses libros que máis lles gustaron e que animan a descubrir na biblioteca.

Yara recoméndanos o libro Dila Crocodila - Espremer os miolos, de Ana Gómez.

- Martiño recoméndanos Las aventuras del capitán Calzoncillos - Esta vez a todo color, de Dav Pilkey.

Animamos a todo o alumnado a participar no concurso de lectores do mes da biblioteca, a visitar a biblio para descubrir as novidades lectoras e, por suposto, a darlle unha oportunidade aos libros recomendados por Yara e Martiño.

A lectura sempre nos leva a novas aventuras!







8 de marzo, Día Internacional da Muller

O pasado luns celebramos o Día Internacional da Muller cunha actividade moi especial na que participou todo o alumnado.

Ao longo da mañá realizamos unha actividade cooperativa entre todas as clases na que viaxamos pola Historia para descubrir o importante papel das mulleres en cada época.

Neste curso de Retroviaxe, mediante unha divertida gymkana, o alumnado tivo que resolver retos, ordenar pistas e reflexionar sobre a importancia do papel da muller na sociedade, dende as primeiras comunidades da Prehistoria ata a Idade Contemporánea.

Durante esta viaxe pola Historia coñecemos historias inspiradoras como:

  • o liderazgo de Cleopatra

  • a filosofía de Hipatia de Alexandría

  • a valentía de María Pita

  • e o traballo de Clara Campoamor, que loitou para que as mulleres puidesen votar.

Entre probas, reflexións e traballo en equipo, aprendemos algo moi importante:

As mulleres sempre tiveron un papel fundamental na Historia.

Seguimos educando cada día para promover a igualdade, o respecto e a xustiza.








Podedes ver o vídeo da actividade na cosa conta de Instagram:

Gymkana 8M


martes, 10 de marzo de 2026

Semana da prensa - Titulares tolos!

Con motivo da Semana da Prensa, no cole realizamos unha actividade moi creativa chamada “Titulares tolos”.

Partindo de xornais reais, o alumnado converteuse por un momento en auténticos xornalistas… pero con moita imaxinación!

Primeiro manipulamos os xornais, observando as distintas seccións e recortando palabras e fragmentos de titulares que nos chamaban a atención. Despois, con todos eses recortes, creamos os nosos propios titulares tolos, combinando palabras para inventar noticias sorprendentes, divertidas e moi orixinais.

Por último, cada un ilustrou o seu titular inventado, realizando un debuxo relacionado coa noticia creada e empregando papel de xornal como base para o traballo.

O resultado foi unha colección de titulares cheos de humor, creatividade e imaxinación que nos permitiu achegarnos ao mundo da prensa dunha maneira lúdica e artística.