Amosando publicacións coa etiqueta PRIMEIRO CICLO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PRIMEIRO CICLO. Amosar todas as publicacións

luns, 27 de abril de 2015

SEMANA DO LIBRO- APADRIÑAMENTO LECTOR

Ola a todos!

Como ben sabedes, a pasada semana celebramos no cole a Semana do Libro. Todos os nenos do cole participamos en dúas sesións de "Apadriñamento Lector". 

En que consistiu? Como nos organizamos? Aquí volo contamos todo! 

Os "padriños" lectores foron os nenos de 3º a 6º de primaria organizados en parellas. Estas parellas, previo ás xornadas de apadriñamento lector, tiveron que escoller dous libros, un informativo e outro narrativo para contar aos máis pequenos do cole. Tiveron que ter en conta o seu público ademais dos seus gustos lectores, o que serviu para que, en moitos casos, coñeceran libros ata o momento descoñecidos para eles.


Unha vez escollido o libro, o que nos serviu ademais para ir familiarizándonos co novo sistema de catalogación dos libros da nosa nova biblioteca, rexistramos a nosa elección nunha lista.



E comezamos a practicar como lle iamos contar o libro aos nosos "afillados". Practicamos durante varios días para que todo saise xenial!





 E... chegou o martes 21 de abril, o día da nosa 1ª sesión de apadriñamento lector! Libros e padriños preparados!


Collemos a 3 nenos dos cursos inferiores, formamos un mini club de lectura nun recuncho do patio e... A VIAXAR COA LECTURA!






E así transcurriron as nosas dúas sesións de apadriñamento lector. O martes con ficción e o xoves con libros informativos que incluían: libros de animais, sobre alimentación, Xeografía, Paleontoloxía...

Foron unhas xornadas moi entretidas ademais de enriquecedoras, nas que todos gozamos da lectura dun xeito diferente. Foi ademais unha actividade cooperativa entre todo o alumnado que transcurriu sen incidencias e nun clima moi agradable. De seguro que repetiremos! 

Estade atentos que en breve vos contamos como foi a visita especial que tivemos hoxe no cole!

PD: Se queredes ver máis fotos e descargalas, só tedes que premer AQUÍ.

sábado, 14 de xuño de 2014

NOS TAMÉN CREAMOS 2014 - AS NOSAS CURTAS

Como xa sabedes, este ano, igual que no curso pasado, participamos no concurso "Nós tamén creamos!", patrocinado pola Secretaría Xeral de política Lingüística xunto coa Editorial OQO e en colaboración coa RTVG. 
Neste curso, fomos os nenos de 1º a 4º de primaria e 6 mestras os que decidimos somerxernos nesta aventura (xa que estabamos de viaxe submariña...), polo que decidimos facer dúas curtas. Agora que xa están colgadas na sección infantil da páxina web da RTVG, xa podemos compartilas con todos vós. Agardamos que vos gusten!

"Non quero ser un polbo!" (alumnado de 1º e 2º de primaria)
http://www.crtvg.es/infantil/nos-tamen-creamos/ceip-conmenino-non-quero-ser-un-polbo

"Ranilda" (alumnado de 3º e 4º de primaria)
http://www.crtvg.es/infantil/nos-tamen-creamos/ceip-conmenino-ranilda

 Queredes saber todo sobre como as fixemos? AQUÍ o descubriredes!

Se queredes recordar a nosa curta do ano pasado... premede AQUÍ

E, xa para rematar,  se queredes ver os  traballiños feitos noutros coles, NESTE ENLACE atoparedes todas as curtas presentadas ao concurso este ano.

PD: NORABOA, rapaces e profes, BO TRABALLO!

luns, 9 de xuño de 2014

LER... CUN POUCO DE IMAXINACIÓN!

Ola ratiños!!!
Hoxe escribo para amosarvos a todos algo co que quedei moooi sorprendido. Ía eu paseando polo cole o outro día cando... de súpeto escoitei que algo pasaba na clase de 1º... Púxenme a escoitar tras a porta e estaban lendo unha historia dun robot, pero non era un robot calquera, non! Era un robot feito con imaxinación: con cousas da cociña, do salón, un aspirador... que disparate! Ou non... porque cal foi a miña sorpresa cando escoitei que os pequechos de 1º, con aquela lectura puxeron tamén a funcionar a súa imaxinación e comezaron a idear un robot feito coas cousas da clase. Que xenial é ler, que rato tan divertido pasaron (e eu tamén...) Pero non quedou aí a cousa, non. Botándolle aínda máis imaxinación, na súa casa, fixeron estes robots que podedes atopar polos corredores do cole. Bo traballo, rapaces, encántanme!


EN 1º... UN POUCO DE IMAXINACIÓN on PhotoPeach
Xa sabedes...


PD: Á sereíña tamén lle encantan...

martes, 4 de febreiro de 2014

CONTOS POLA INTEGRACIÓN

Premendo na imaxe inferior poderedes ler uns contos moi especiais e facer varias actividades sobre eles. 




luns, 3 de febreiro de 2014

CONSELLOS PARA ADQUIRIR BOS HÁBITOS LECTORES

Aquí vos deixamos un pequeno documento con algúns consellos para adquirir bos hábitos lectores. Agardamos que vos sexan de utilidade.

martes, 19 de marzo de 2013

NÓS TAMÉN CREAMOS :)

Ola a todos! Novas no cole!!!
Os alumnos de 2º foron seleccionados para participar no concurso "Nós tamén creamos", iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia e con OQOeditora. O concurso consiste en realizar unha animación sobre un dos contos propostos. As curtas propostas serán publicadas na páxina web da Televisión de Galicia.
 Imos ser ratiños cineastas ademais de lectores, que emoción!
Se premedes na imaxe inferior poderedes ver as curtas de animación que presentaron o curso pasado os nenos doutros coles, anímadeos a velas, hai verdadeiras obras de arte!


Estou desexando ver a estes ratiños agora guionistas, directores, dobladores, ... cantas cousas imos aprender!

domingo, 28 de outubro de 2012

É TEMPO DE CABAZAS, CHEGA O SAMAÍN....

Ola ratiños!!!
Primeiro de nada, moitísimas grazas polas vosas poesías e traballiños contándome por que é que "LER É UN PRACER". Nuns días conpartireinos con todos vós, pero hoxe toca algo de Samaín, que xa esta aí!
Déixovos o vídeo dun conto moi fermoso (que podedes atopar na nosa biblioteca) titulado "Corre corre, cabaciña", da autora Eva Mejuto.


Despois de escoitar o conto, se premedes na imaxe da cabaza poderedes facer unhas actividades relacionadas co conto. A ler e a xogar!


Ah! E premendo AQUÍ, podedes tamén cantar este conto, cantas cousas!

domingo, 7 de outubro de 2012

CONTACONTOS EN CONMENIÑO

Ola ratiños e ratiñas! Hoxe traio moi boas novas. Mañá, as 16:30 haberá unha sesión de contacontos na nosa biblioteca. Queredes saber quen vivía alá no cabo do mundo no país onde o vento da a volta? Se queredes coñecer a Camila, espérovos o luns na biblioteca. Eu estarei en 1ª fila!


Ay, que me esquecía! Se premedes na imaxe poderedes escoitar este conto tantas veces como queirades e facer unhas actividades moi divertidas sobre él.

martes, 19 de xuño de 2012

O VERÁN, O MAR...

Ola ratiños! O verán xa case está aquí. Só quedan 2 días. Para ir abrindo boca, aquí vos deixo esta actividade LIM elaborada na EEI de Tarrío-Samieira coa que poderedes traballar cousas do verán e un dos seus grandes protagonistas: O MAR. Premede na imaxe!


Un saúdo de ratiño lector!

xoves, 8 de marzo de 2012

UN CONTO DE SEMPRE, UN POUCO DIFERENTE

Ola ratiñ@s de Conmeniño!
Hoxe, día 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller ou Día da Muller traballadora. Por isto, tráiovos o vídeo dun conto de sempre pero un pouco diferente, o título é "El Príncipe Ceniciento". Por que digo que é diferente? Reflexionade sobre esta historia.


Tamén vos deixo uns poemiñas moi divertidos, da autora Carmen Gil cunhas actividades para traballar a súa comprensión.

E para os maiores, aquí tendes a historia dunha cincenta diferente. Lede o conto para saber que lle pasa a esta cincenta do século XXI.


luns, 27 de febreiro de 2012

ATCHISSS!

Non estou resfriado, non. "Atchiss!" é o título da entrada de hoxe porque vos traio un conto que se titula así. Unha historia para escoitar, ver e traballar a comprensión coas actividades de despois do conto. Noraboa  aos blogues "Cuentos de Tihada", "Cuaderno de Colores" e "AulaTic" polo seu xenial traballo e graciñas por compartilo!



Biquiños de ratiño lector, ata a próxima!

venres, 24 de febreiro de 2012

CONTOS INTERACTIVOS

Ola ratiños e ratiñas! Como foron esas vacacións de Entroido? Espero que o pasarades moi ben e tiverades tempo de ler un pouquiño. Que circo se montou no cole, con moitos paiasos, forzudos, malabaristas, tigres e domadores, magos e ata unha orquestra puiden ver dende a fiestra da biblioteca, supoño que o pasáchedes de medo!
Hoxe traiovos un lugar moi especial no que poderedes atopar moitos contos. Son historias singulares, xa que tedes que elexir vós como continualas. Pinchade na imaxe inferior para acceder a eles e pasalo de medo con estes contos interactivos.


Un saúdo de ratiño ;)

domingo, 19 de febreiro de 2012

ENTROIDO DE RATIÑOS

Ola ratiñ@s!!! Como van esas vacacións? Aquí vos deixo un conto con actividades sobre o Entroido. Que ten de especial ademais de ser unha lectura xenial? Que os seus protagonistas son ratiños coma min, lede e desfrutade!
Ah! e está en galego e en castelán. Moitas grazas á profe Ana Martínez Rey por compartir este grande traballo.