martes, 19 de maio de 2026

Día das Letras Galegas

O pasado venres, celebramos o Día das Letras Galegas cunha fermosa xornada de convivencia co CEIP As Bizocas.

Comezamos a mañá compartindo xogos no patio. Como anfitrións, o noso alumnado preparou diferentes actividades para realizar cos nenos e nenas do mesmo curso de Bizocas, creando momentos de diversión, colaboración e novas amizades.

Despois, desfrutamos da nosa música tradicional coa actuación de “5 en Zocas”, na que tamén participaron alumnas e mestras do noso cole, enchendo o patio de música, baile e tradición galega.

Para rematar a xornada, e antes de despedir aos nosos amigos e amigas de Bizocas, cantamos xuntos a canción “Somos os Mecos do Grove”, poñendo o broche final a un día moi especial.

Durante toda a semana tamén estivemos descubrindo a figura de Begoña Caamaño, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, achegándonos á súa vida e á súa obra a través de diferentes actividades realizadas na aula.

Foi unha celebración chea de convivencia, cultura e orgullo pola nosa lingua.











Lectoras do mes de abril

Na nosa biblioteca seguimos celebrando o gusto pola lectura e recoñecendo ao alumnado que participa activamente nas actividades lectoras do centro.

Este mes, as lectoras destacadas son:

Daniela, de 2º de Educación Primaria
Eva, de 3º de Educación Primaria

Como cada mes, tamén nos deixan as súas recomendacións literarias, que xa podedes descubrir e consultar na biblioteca do cole.

Parabéns ás dúas polo seu interese, entusiasmo e amor polos libros!

Grazas a todo o alumnado por participar e seguir facendo da nosa biblioteca un lugar cheo de historias, aventuras e imaxinación.






Semana do Libro: Mitos da Antiga Grecia

O Día do Libro chegou ao cole cargado de literatura con moita Historia! O alumnado de 2º de Primaria achegou a mitoloxía grega aos seus compañeiros e compañeiras, a través de diferentes actividades.

Convertéronse en narradores para contar "Os 12 traballos de Hércules" nun contacontos dirixido aos compañeiros de Infantil e 1º de Primaria, que seguiron con atención as fazañas do heroe grego.

Ademais, aproveitamos a ocasión para gravar unha versión exprés de "Os 12 traballos de Hércules" na radio escolar e probar esta ferramenta tan chula.

Ao alumnado de 3º a 6º de primaria, propuxéronlle un reto creativo: elaborar cómics baseados en tres relatos clásicos ben coñecidos: Perseo e Medusa, Teseo e o Minotauro e A caixa de Pandora. Os cómics que elaboraron os maiores xa están expostos no corredor de saída ao patio para que todos poidan ver o gran traballo que fixeron os compañeiros.

As actividades permitiron non só afondar na riqueza da cultura clásica, senón tamén fomentar o traballo colaborativo entre os diferentes niveis do centro e potenciar a expresión oral e escrita de xeito lúdico.

Foi unha xornada fantástica para fomentar a lectura, a creatividade e a colaboración entre diferentes niveis a través destas historias clásicas.

Graciñas a todos os participantes polo seu esforzo e implicación nesta xornada literaria!










luns, 11 de maio de 2026

Día das Artes Galegas: convertémonos en fotógrafos!

O pasado 1 de abril celebramos o Día das Artes Galegas, adicado este ano ao fotógrafo galego José Suárez, considerado un dos fotógrafos máis importantes da historia de Galicia. A súa obra destacou por retratar a vida cotiá das persoas, especialmente do mundo mariñeiro e rural galego.

En homenaxe a el, durante unha semana convertémonos en auténticos fotógrafos e fotógrafas. Nos recreos da biblioteca saímos polo patio coas tablets para realizar fotografías inspiradas na fotografía etnográfica, retratando escenas da nosa vida diaria no cole: os xogos, os compañeiros e compañeiras, os momentos compartidos e os recunchos do patio.

Foi unha experiencia moi divertida e especial, na que aprendemos a mirar o noso entorno con outros ollos, igual que facía José Suárez nas súas fotografías.

Aquí podedes ver os resultados do noso obradoiro fotográfico: