O Día do Libro chegou ao cole cargado de literatura con moita Historia! O alumnado de 2º de Primaria achegou a mitoloxía grega aos seus compañeiros e compañeiras, a través de diferentes actividades.
Convertéronse en narradores para contar "Os 12 traballos de Hércules" nun contacontos dirixido aos compañeiros de Infantil e 1º de Primaria, que seguiron con atención as fazañas do heroe grego.
Ademais, aproveitamos a ocasión para gravar unha versión exprés de "Os 12 traballos de Hércules" na radio escolar e probar esta ferramenta tan chula.
Ao alumnado de 3º a 6º de primaria, propuxéronlle un reto creativo: elaborar cómics baseados en tres relatos clásicos ben coñecidos: Perseo e Medusa, Teseo e o Minotauro e A caixa de Pandora. Os cómics que elaboraron os maiores xa están expostos no corredor de saída ao patio para que todos poidan ver o gran traballo que fixeron os compañeiros.
As actividades permitiron non só afondar na riqueza da cultura clásica, senón tamén fomentar o traballo colaborativo entre os diferentes niveis do centro e potenciar a expresión oral e escrita de xeito lúdico.
Foi unha xornada fantástica para fomentar a lectura, a creatividade e a colaboración entre diferentes niveis a través destas historias clásicas.
Graciñas a todos os participantes polo seu esforzo e implicación nesta xornada literaria!

Ningún comentario:
Publicar un comentario