venres, 26 de maio de 2023

Cinco en zocas

 Ola,

O martes 16 de maio, para ir quecendo motores para o Día das Letras Galegas, tivemos a honra de asistir a un concerto de Cinco en zocas, un grupo de música tradicional galega do que estamos ben orgullosas, xa non so polo ben que fan o seu traballo, senón porque ademais todas elas son deste paraíso meco.


Aínda que so puideron asistir tres das súas cinco compoñentes, foi un encontro que agardabamos con moita ilusión. So hai que observar as pancartas que en cada curso lles fixeron para recibilas.

Ademais de gozar moitísimo coa súa música, tamén houbo quen se animou a cantar e bailar.

Despois do concerto, as fans das zoquiñas puideron facerlles preguntas e pedirlles unha chea de autógrafos. Elas responderon a todas as nosas peticións cun gran sorriso nos beizos e ese falar tranquilo e agarimoso que as caracteriza.

Puidemos saber que dende pequenas amosaron interese pola música tradicional, especialmente por todas esas cancións que acompañaban aos nosos avós e avoas anos atrás e que, con moito traballo, intentan recuperar para que non se perdan.

Ademais,faláronnos dos instrumentos que adoitan utilizar: culleres, tixolas, táboas de lavar... que fan que a súa música sexa aínda máis especial.

Aquí tedes o resumo da xornada, que non esqueceremos en moito tempo.

Moitísimas grazas por todo e moitos éxitos,

queridas zoquiñas! ❤❤❤





Ningún comentario:

Publicar un comentario