mércores, 9 de setembro de 2026

Comezamos un novo curso… Conmeniño Peregrino!

Hoxe demos a benvida a un novo curso escolar e, como xa vén sendo tradición no noso cole, quixemos comezalo cunha aventura moi especial.

Para descubrir a temática do PDI deste curso, “Conmeniño Peregrino”, o alumnado participou nun divertido xogo de pistas. Cada grupo tivo que percorrer diferentes espazos do centro, seguir as indicacións e atopar obxectos e prendas agochadas que, pouco a pouco, nos foron dando pistas sobre o novo proxecto.

Tras compartir todos os achados, conseguimos resolver o misterio: este curso poñémonos en camiño! 

Ao longo dos próximos meses, o Camiño de Santiago será o fío condutor que nos permitirá investigar, aprender e descubrir moito máis sobre a nosa cultura, historia, patrimonio e tradicións, compartindo novas experiencias entre toda a comunidade educativa.

E, por suposto, non podemos esquecer o protagonista sorpresa desta primeira xornada: o noso querido conserxe Fran, que se deixou liar unha vez máis polas nosas ideas e se converteu, por un día, no peregrino oficial de Conmeniño.  Moitísimas grazas pola túa colaboración e por prestarte sempre ás nosas ideas!

Comezamos así un novo curso cheo de camiños por percorrer, lugares por descubrir e aprendizaxes por compartir.

Se queredes ver como vivimos esta aventura, podedes acceder ao vídeo publicado no noso Instagram escaneando o código que atoparedes a continuación.



Bo Camiño, Conmeniño!











Ningún comentario:

Publicar un comentario