venres, 20 de febreiro de 2026

Obradoiro de maquillaxe de Entroido

Durante a semana previa ao Entroido vivimos días cheos de diversión e creatividade. Ademais de gozar cos tradicionais mandadiños da meca, as profes da biblioteca organizaron un obradoiro de maquillaxe de Entroido durante os recreos.

Foron momentos moi especiais nos que nos axudamos uns aos outros: compañeiros e compañeiras, maiores e pequenos, compartindo pinturas, ideas e moitas risas mentres decorabamos as nosas caras, uñas e cabelos.

Este obradoiro converteuse nun espazo de encontro e colaboración, onde o máis importante non foi só maquillarse, senón compartir, coidar e desfrutar xuntos.

Unha actividade divertida que nos preparou para vivir o Entroido con máis ilusión ca nunca! 






Entroido 2026

O pasado 13 de febreiro celebramos no cole o noso agardado desfile de Entroido, unha xornada chea de cor, música e moita ilusión.

Este ano o Entroido estivo moi ligado ao noso PDI, xa que cada clase se disfrazou da etapa da Historia que está a traballar durante este curso. Foi unha maneira moi divertida de aprender e de compartir co resto do cole todo o que estamos descubrindo.

Desfilamos, bailamos e gozamos moitísimo vendo a creatividade e o esforzo de cada grupo. As familias tamén puideron acompañarnos neste día tan especial.

Para rematar a celebración, xuntámonos todos e todas para bailar a canción "Tataravoa" de Fillas de Cassandra, porque ao estudar a Historia decatámonos da importancia das nosas raíces e do valor das persoas maiores, que gardan a memoria do pasado.

Foi un día para lembrar… e para seguir facendo historia xuntos!

No seguinte enlace podedes ver un pequeno vídeo do noso desfile:


xoves, 19 de febreiro de 2026

Día da Muller e da Nena na Ciencia

Con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia o pasado 11 de febreiro, no noso centro realizamos diferentes actividades para poñer en valor o papel fundamental das mulleres no ámbito científico ao longo da historia.

Traballamos en equipo investigando sobre científicas como Margarita Salas, pioneira na bioloxía molecular; Sara García Alonso, investigadora biomédica e candidata a astronauta; e Antonia Ferrín Moreiras, astrónoma galega e referente na nosa terra.

Ademais, achegámonos á mesa de exposición temática para buscar información sobre moitas outras mulleres científicas que, co seu esforzo e talento, contribuíron a cambiar o mundo en ámbitos como a medicina, a física, a química, a enxeñaría ou a tecnoloxía.

Este día lémbranos a importancia de visibilizar referentes femininos na ciencia, fomentar vocacións científicas entre as nenas e avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria.

Porque a ciencia tamén é cousa de nenas. 











martes, 10 de febreiro de 2026

Telexornal de Conmeniño, un ano máis!

Un ano máis, o Telexornal de Conmeniño volveu ás aulas da man do alumnado de , que se converteu en auténtico equipo de xornalistas. Ao longo do proxecto foron entrevistando a todas as clases do centro para averiguar que etapa da historia están a estudar este curso.

Ademais, cada grupo explicou como teñen decorada a porta da súa aula e a relación desa decoración co proxecto traballado, dando lugar a un percorrido moi creativo e cheo de aprendizaxe pola historia.


Podedes velo na seguinte ligazón:

TELEXORNAL


Parabéns a todos e en especial ao alumnado de 4º polo seu traballo, a súa implicación e por achegarnos a información dun xeito tan divertido e interesante. 

Lector e lectora do mes de xaneiro!

Xa temos aos gañadores do lector do mes de xaneiro na nosa biblioteca escolar. Parabéns a Lucía de 4º EP e a Thiago de 1º EP, que demostraron un gran entusiasmo pola lectura e moitas ganas de descubrir novas historias. 

Ademais, xa podedes atopar na biblioteca as recomendacións de libros feitas polos lectores do mes. Son historias que lles gustaron especialmente e que quixeron compartir con todos vós.

Non dubidedes en achegarvos, ler tamén estes libros e gozar das súas aventuras tanto como eles. A lectura sempre é unha boa compañía!