Amosando publicacións coa etiqueta ACTIVIDADES BIBLIOTECA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ACTIVIDADES BIBLIOTECA. Amosar todas as publicacións

sábado, 25 de novembro de 2017

Coñecemos mellor as nosas illas

Viñeron visitar o noso cole catro superheroínas do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A través dun corvo mariño chamado Martiño explicáronnos diferentes aspectos da fauna e flora das Illas, así como tamén a importancia do seu coidado.

Canto aprendemos!

















mércores, 1 de xuño de 2016

O NOSO EMOCIONARIO

Ola a todos!

Xa rematando este curso tan emocionante e artístico, presentámosvos o noso Emocionario, no que traballou todo o colexio durante o mes das Letras Galegas e que o Equipo de TIC do colexio montou. Agardamos que vos guste!

martes, 16 de xuño de 2015

DERRADEIRAS RECEITAS DOS REPORTEIROS LARPEIROS

     Así como remata o curso, rematan as viaxes gastronómicas dos nosos reporteiros. 

      Para poñer o punto final, temos dúas receitas orixinarias dos Estados Unidos que nos traen ANXO CAMBADOS e MANUEL CASTRO: un pastel trenzado de froitos secos e unhas tortas americanas.

      Agradecémoslles a todos eles os estupendos pratos e larpeiradas que nos ensinaron a preparar. Foron unha delicia!

Moitas grazas reporteiros!!!
      
 PASTEL TRENZADO DE FROITOS SECOS

fácil   X   para 6 persoas   X   tempo de elaboración: 45 minutos

PRECISAS
1 tixola
1 coitelo


INGREDIENTES
masa de hoxaldre cadrada
améndoas laminadas
noces picadas
dátiles
1 mazá
1 vaso de leite
150 g de azucre
manteiga
caramelo líquido

1. Botamos a manteiga nunha tixola e engadimos os dátiles e a mazá e fritimos todo.

2. Cando estean cociñados engadimos o leite e o azucre, e despois as améndoas e deixámolos dourar.

3. Estendemos a masa e cortámola por dous dos lados opostos en liñas paralelas.

4. Botamos a mestura anterior no centro, sobre a parte que non está cortada; coas partes cortadas, comezamos a facer unha trenza.

5. Quentamos o forno a 180º e metemos o pastel durante 20 minutos, ou ata que a masa estea dourada.

6. Por último, decoramos co caramelo líquido.

Bo proveito!


Comezamos co recheo.


 Mmm... esto está tomando moi boa pinta.


Para rematar, 20 minutiños ao forno.


No almorzo, como sobremesa ou na merenda...
delicioso a todas horas!





TORTAS AMERICANAS

moi fácil  X  para 6 persoas  X  tempo de preparación: 25 minutos

PRECISAS
1 tixola
1 batedor
1 espátula

INGREDIENTES
1 sobre de preparado para tortas
auga (a que indique no sobre)
aceite

1. Mesturamos o contido do sobre con auga e batémolo ben.

2. Para cada torta, quentamos a tixola, botamos unhas gotas de aceite e un pouco do preparado de xeito que cubra o fondo.

3. Deixamos uns segundos para que se cociñen por un lado, dámoslle a volta e cociñámolas polo outro lado.

4. Quitámolas da tixola e... a comer!














domingo, 7 de xuño de 2015

PRESENTACIÓN PDI: EXPLORADORES DE 3º EN... AUSTRALIA

Os exploradores de 3º, coma viaxe final foron ben lonxe, chegaron ás Antípodas, para cumplir coa misión que lles encarara Freddie, a mascota da aula de inglés.

Xa de volta da súa viaxe, quixeron compartir cos compañeiros todo o que descubriran neste incrible país. Aí van a presentación máis o conto que inventaron e que podedes ler na biblioteca!

luns, 1 de xuño de 2015

A NOVA BIBLIOTECA

Ola a todos! 
Hoxe, recompilando  o que foi acontecendo no noso cole durante este curso que remata en 3 semanas!, decatámonos de que, con tantas cousas, nin tempo tivemos a contarvos como montamos a nosa nova biblioteca! Con todo o que traballamos! Así que, sen máis demora, aí vai todo o proceso!


Como sabedes, para este curso concedéronnos o PlamBE, que é un programa de apoio ás bibliotecas escolares da Consellería a través do cal se ofrece financiación para mellorar a biblioteca e convertila nun centro de recursos para toda a comunidade educativa, espazo de traballo, procura de información, motor impulsor de actividades dun centro escolar... Pois tras varios anos intentándoo, conseguímolo! Para iso, como cada ano, presentamos un proxecto para levar a cabo neste curso coas tarefas que se ían propoñer para facer e tamén coas melloras que iamos levar a cabo na nosa biblioteca. 
Unha desas melloras era mudar a biblioteca ao antigo espazo do laboratorio, que o noso conxerxe daquela, Paco, baleirou e limpou e o Concello acondicionou mudando o chan, pintando e facendo arranxos varios. Con isto, marchamos de vacacións de verán, deixando o novo espazo medio acondicionado, e mudando todos os libros da antiga biblioteca para a nova, pero tivemos que deixalos en caixas, xa que nos faltaba o mobiliario para colocar a biblioteca.



E voltamos en setembro, coa boa nova de que nos concederan o PlamBE, o que significada ter fondos para mercar algo de mobiliario, equipamento, libros, etc. Ese 1º trimestre adicámolo a organizar o que iamos mercar, o que podiamos reempregar dándolle unha man de pintura e acondicionando, planificar como ía ir montada a biblioteca (tiñamos unha planificación feita, pero tivemos que readaptala, xa que a pizarra dixital non podía ir onde inicialmente se programara), que espazos queriamos ter nela e como os iamos organizar vendo os mobles dos que iamos dispoñer... O noso conxerxe Antonio pintou de blanco parte das antigas estanterías para reutilizalas.


E mentres, o Equipo de Biblioteca, coa sala pechada, fomos poñendo en marcha as diferentes actividades que se levan a cabo no centro (Día das Bibliotecas Escolares, Mochilas Viaxeiras, préstamo de aula...). Para isto, decidimos dotar a cada aula cunha caixa de libros para as bibliotecas de aula, para que, mentres a sala da biblioteca estivese pechada, puidese haber préstamo para casa xestionándoo dende a aula. 


Así mesmo, puxemos en marcha o proxecto anual, coa actividade de motivación que vos presentamos AQUÍ, e para el montamos a exposición de materiais relacionados co proxecto cos que contabamos no centro e compartiuse co profesorado unha selección de recursos online tamén relacionados co PDI "A volta ao mundo montados nun prato". A exposición de materiais físicos púxose fóra da sala da nova biblioteca, para que o alumnado, aínda que non podía entrar na nova biblioteca, se fose familiarizando coa súa nova ubicación.


E mentres, fomos buscando novas ideas para a organización da nosa bibloteca unha vez que as estanterías e o novo mobiliario estivese listo. Grazas a un curso de bibliotecas ao que asisitimos e no que visitamos a biblioteca do CEIP Enrique Barreiro Piñeiro, en Vilariño, Cambados; co seu permiso, decidimos empregar o mesmo sistema de pictogramas que eles teñen na súa biblioteca. Adaptámolo aos nosos materiais e, xa no 2º trimestre, comezamos a traballar na nova organización da nosa biblioteca empregando este sistema de pictogramas combinado coa CDU. Nesta fase, xa comezaron a colaborar os nenos de 4º a 6º, que nos recreos viñan para axudar a recortar pictogramas, clasificar os libros polos temas da CDU, pegar gomets...


      

Pouco a pouco, con moitas horas de traballo, a nosa biblioteca comezou a tomar forma,fixemos unha CDU para ter sempre presente na biblioteca, etiquetamos as estanterías segundo a CDU e cos pictogramas escollidos para cada sub-tema dentro da CDU, os libros pouco a pouco comezaron a estar xa nos estantes co pictograma correspondente, fomos colocando o novo mobiliario, a ANPA regalounos unhas cortiñas para que a luz do sol non estrague os libros, evitar os reflexos nos ordenadores e non pasar demasiado calor, xa que o novo espazo é moi luminoso..



Tras meses de tanto traballo, decidimos que, aínda que quedaba moito por facer, a sala da biblioteca xa se podía empregar e, pouco a pouco, continuariamos etiquetando o que faltase e mellorando a nosa biblioteca. Decidimos inaugurala o día que se xubilou o noso director, como xa puidestes ler AQUÍ.




E dende ese día, coa nosa nova biblioteca aberta, seguimos a traballar en moitas cousas. Fixemos a a formación de usuarios para que todos os nenos do cole aprendesen a buscar libros co novo sistema de organización.


Os axudantes de biblioteca comezaron a "traballar" nos recreos facendo préstamo de libros, vixiando a sala, axudando aos máis pequenos cos ordenadores ou a procurar un libro... Todo isto, máis o traballo nas actividades de centro que se poñen en marcha dende a biblioteca. 



Como podedes ver, foi un curso de moita "actividade", pero agora podemos dicir que pagou a pena, xa que os nenos están respondendo moi ben á nova biblioteca, vindo incluso no horario de tarde no que antes case non viñan e amosando moito interese por colaborar, móstranse máis autónomos á hora de buscar materiais,... 







Xa para rematar esta loooonga entrada, deixámosvos un pequeno vídeo con imaxes da nosa biblioteca durante este curso 2014-2015.

Deica outro día!

sábado, 9 de maio de 2015

AREPAS VENEZOLANAS

     Cando xa queda pouco para poñer fin ás viaxes culinarias dos nosos reporteiros internacionais, temos aquí unha nova receita.
      Tráenola GABRIEL, que quere presentarnos outro dos platos típicos de VENEZUELA, igual que o arroz con leite de coco que xa coñecemos da man doutro reporteiro. Nesta ocasión son as AREPAS. Agardamos que vos gusten!

AREPAS

laboriosa x 4 persoas x tempo de elaboración: 40 min + 2 h e 1/2 de cocción da carne

PRECISAS
1 pota
1 tixola
1 relador
1 prancha
1 recipiente


INGREDIENTES
250 g de fariña de millo branca cocida (fariña especial para arepas)
130 g de agua
100 g de queixo mozzarella
5 g de sal
500 g de carne de tenreira (mellor de agulla ou falda)
1 cebola pequena picada fina
1 dente de allo picado fino
2 tomates relados
colorante alimentario


1. Coloca a fariña, a auga, o queixo mozzarella en anacos e o sal nun recipiente.

2. A continuación, traballa a mestura até forma unha masa que non se pegue e coa que se poida facer unha bola.

3. Agora, prepara o recheo das arepas.Coce a carne durante dúas horas e media e despois déixa arrefriar e desfébraa.

4. Refoga nunha tixola a cebola co allo e cando estea ben pasada, engádelle o tomate relado e deixa cocer todo uns minutos.

5. Logo, incorpóralle a carne defebrada e mestura ben todo. Só queda darlle un fervor e reservar xa fóra do lume.

6. Para rematar o prato, fai bólas fai bólas coa masa e aplánaas. Acaba de cociñalas na prancha ou tixola.

7. Córtaas pola metade e éncheas coa carne desfebrada e quente. Xa están listas para servir.

      Se non temos moito tempo, tamén podemos facer as arepas con queixo e embutidos diferentes no lugar da carne (chourizo, xamón york...).


 Imos aló coa masa!

Primeiro mesturar... e logo amasar.

 Agora imos co recheo

 E o mellor de todo para rematar: a comeeer!


Estas arepas xunto co arroz con leite de coco como postre, formarían un menú venezolano exquisito e moi nutritivo.




xoves, 30 de abril de 2015

TORTA SELVA NEGRA DENDE SUÍZA


      Nin máis nin menos que ata SUÍZA chegaron os nosos reporteiros ANTÓN e UXÍA
      Agora están aquí para convidarnos a probar a saborosa TORTA "SELVA NEGRA". Toda unha delicia de chocolate e nata! Mmm...

TORTA SELVA NEGRA
fácil  x  para 4 persoas  tempo de elaboración: 10 minutos

PRECISAS
1 batedor
1 recipiente
1 manga pasteleira
1 espátula

INGREDIENTES
1 biscoito de chocolate
150 g de labras de chocolate
750 g de tona líquida
150 g de azucre

  1. Primeiro, debes montar a tona con azucre até conseguir unha textrura firme.
  2. A continuación, corta o biscoito formando dous discos.
  3. Sobre unha das partes do biscoito, bota a nata montada e cobre coa outra metade do biscoito.
  4. Por último, esparexe por riba as labras de chocolate.

Para facer o biscoito máis brandiño, podes mollalo cun pouco de xarope.


Traballo en equipo... xenial!



















 Con esta bonita decoración a torta é aínda máis apetitosa















Quen a probe quererá repetir así que... dúas mellor que unha!