mércores, 28 de decembro de 2011

CARTAS AOS REIS MAGOS

Ola rapaces! Atopei polo cole estas fermosas cartas aos Reis Magos, e pareceume boa idea compartilas con todos os ratiños e ratiñas de Conmeniño. Bo traballo, rapaces de 6º. Só pinchade na imaxe e as poderedes ver en grande.

Espero que esteades pasando unhas moi felices vacacións.

xoves, 22 de decembro de 2011

O APALPADOR

Ola ratiños e ratiñas! Como foi ese primeiro día de vacacións? Non vos preocupedes que eu quedo coidando o cole. Hoxe, aproveitando que o cole estaba tan silencioso tiven moito tempo para ler; e lendo lendo, a que non adiviñades o que descubrín? Descubrín que aquí en Galicia tiñamos a nosa propia figura do Nadal antes de que chegase o Papá Noel. Chamábase "O Apalpador", e tamén ía polas casas dos nenos a noite do 24 de decembro. Queredes saber a que? Pinchade na sua foto para saber máis sobre el e facer unhas divertidas actividades sobre o seu conto.


venres, 16 de decembro de 2011

CHEGA O NADAL...

Ola ratiños lectores!!! Hoxe déixovos por aquí uns xogos de Nadal cos que poderedes pasar un rato divertido nestas festas. Poderedes escribir cartas, cantar cancións, ler contos de Nadal, ... Pinchade no ratiño para xogar!

luns, 12 de decembro de 2011

E ASÍ QUEDOU O MURAL DO OUTONO!

Ola patiños e ratiñas de Conmeniño! Aquí vos deixo unhas imaxes do mural cos vosos traballos de outono. Que parede máis chula temos agora na biblioteca! Biquiños sabor a queixo para todos e todas!




martes, 6 de decembro de 2011

DÍA DA CONSTITUCIÓN

Ola rapaces! Hoxe é martes e non viñéstedes ao cole. Investigando, investigando e lendo e lendo descubrín que é porque hoxe día 6 de decembro se celebra o Día da Constitución. Aquí vos deixo un contiño sobre este día e que é a Constitución. Grazas aos responsables do blog "Aula TIC" por compartilo. Espero que vos guste.
Que disfrutedes do día, e, deica mañá!

sábado, 3 de decembro de 2011

UN CONTO PARA REFLEXIONAR

Ola rapaces! O 3 de decembro celébrase o Día Internacional das Pesoas con Discapacidade, por isto, amiguiños, quería compartir con vós este fantástico conto que relata a historia de Lorenzo. Un conto para facernos pensar...

mércores, 23 de novembro de 2011

REFRÁNS, POEMAS, ADIVIÑAS E COUSAS DO OUTONO...

Ola rapaces! 
Estiven a ler as vosas poesías, adiviñas e refráns do outono, que cousas taaan bonitas fixestes. Tamén vin que os pequenos decoráchedes fermosos cogomelos, esquíos, ourizos, e demais amiguiños do outono. Que bo traballo! Estou a colocalos todos nunha paisaxe de outono coa que decoraremos o noso recuncho, a biblioteca, pero ata entón, aquí tedes un pequeno vídeo coas vosas creacións. Moitas grazas a vós e ás vosas familias ratiños e ratiñas lectores! Nuns días poderedes ver o mural con todas as vosas creacións na biblioteca, avisareivos en canto estea listo.

venres, 11 de novembro de 2011

TRABALLANDO CO CONTO DA CASTAÑEIRA







Ola rapaces! Déixovos por aquí un xogo moi divertido no que poderedes volver a escoitar a historia da castañeira do vídeo do outro día e despois facer unhas actividades moi sinxelas. Se pinchades na imaxe da castañeira descubriredes o xogo, premede na icona que está na parte superior dereita da imaxe para poder xogar a pantalla completa. Que o disfrutedes, e boa fin de semana!

mércores, 9 de novembro de 2011

POLO MAGOSTO, UN CONTO DE CASTAÑAS

Ola Conmeniño lectores! Entereime de que mañá celebrades o Magosto, espero que me deixedes algunha castaña para min... Eu quería deixarvos por aquí un fermoso conto, o que conta a historia dunha castañeira. Que o disfrutedes!
Vémonos na biblioteca!

martes, 8 de novembro de 2011

ACTIVIDADES SOBRE O MAGOSTO

Ola rapaces! Xa estades preparados para o Magosto? Se premedes na imaxe poderedes ler e aprender moitas cousas desta celebración con esta actividade interactiva tan divertida. Escollede o voso curso, e a xogar!

xoves, 3 de novembro de 2011

CONTOS DO SAMAÍN

Ola Conmeniño-lectores! Hoxe déixovos por aquí o vídeo das actividades lectoras con motivo do Samaín/Halloween. Vos non me víchedes, pero eu non perdín detalle de nada do que aconteceu. Por certo, dabades moooito medo con eses traxes tan terroríficos!


venres, 28 de outubro de 2011



Ola rapaces! Hoxe temos novas! Resulta que o outro día saín da biblioteca e fun dar unha volta polo cole, e que sorpresa! Nun recuncho descubrín un lugar cheo de libros, libros que contan historias do fondo do mar. Quedei abraiado cos contos, por iso fixen este pequeno vídeo para animarvos a todos a que pasades polo noso fondo do mar particular, collades un deses contos e pasedes un rato de medo!


PS: felicidades aos autores, sodes uns grandes escritores, a seguir así!

sábado, 22 de outubro de 2011

A IMPORTANCIA DE LER

Os nenos que viven nunha casa onde hai moitos libros, teñen máis posibilidades de desenrolar o gusto pola lectura.

         Un neno que le, activa a súa mente, dándolle isto a capacidade de pensar; polo tanto a lectura convértese nunha  ferramenta extraordinaria de traballo intelectual, xa que pon en acción as funcións mentais, axilizando a intelixencia. Todo isto fai que mellore o seu rendemento escolar e, polo tanto, o seu futuro.

        Non todas as familias teñen unha biblioteca na súa casa; pero si teñen unha biblioteca na escola, no barrio ou no concello,  onde sempre poderán atopar un libro especial para cadaquén.
        Hai que  lembrar sempre que  máis  importante aínda que ter unha biblioteca na casa é  non esquecer  que os nenos fan o que ven facer aos pais. Como di o último anuncio publicitario fomentando a lectura dende o Ministerio de Cultura:
"SE TI LES, ELES LEN"

Aquí vos deixo o vídeo




Un saúdo, vémonos pola biblioteca de Conmeniño  :)


mércores, 12 de outubro de 2011

BENVID@S

Ola a todos! Son O ratiño de Conmeniño, e quero darvos a benvida a todos  ao  blog "Un Ratiño na Biblioteca de Conmeniño". Dende aquí irei poñéndovos ao día das novas relacionadas con este espazo de lectura do cole e compartirei as miñas experiencias rodeado de tantas historias máxicas e fascinantes. 
Espero que vos guste este recuncho, que descubrades moitas cousas novas e vémonos na Biblioteca de Conmeniño! Ah! Lembrade que este ano podedes vir facerme unha visita e ler un pouquiño os mércores e xoves de 15:30 a 17:30!
 Vémonos na biblioteca, ata outro día!