lunes, 1 de junio de 2015

A NOVA BIBLIOTECA

Ola a todos! 
Hoxe, recompilando  o que foi acontecendo no noso cole durante este curso que remata en 3 semanas!, decatámonos de que, con tantas cousas, nin tempo tivemos a contarvos como montamos a nosa nova biblioteca! Con todo o que traballamos! Así que, sen máis demora, aí vai todo o proceso!


Como sabedes, para este curso concedéronnos o PlamBE, que é un programa de apoio ás bibliotecas escolares da Consellería a través do cal se ofrece financiación para mellorar a biblioteca e convertila nun centro de recursos para toda a comunidade educativa, espazo de traballo, procura de información, motor impulsor de actividades dun centro escolar... Pois tras varios anos intentándoo, conseguímolo! Para iso, como cada ano, presentamos un proxecto para levar a cabo neste curso coas tarefas que se ían propoñer para facer e tamén coas melloras que iamos levar a cabo na nosa biblioteca. 
Unha desas melloras era mudar a biblioteca ao antigo espazo do laboratorio, que o noso conxerxe daquela, Paco, baleirou e limpou e o Concello acondicionou mudando o chan, pintando e facendo arranxos varios. Con isto, marchamos de vacacións de verán, deixando o novo espazo medio acondicionado, e mudando todos os libros da antiga biblioteca para a nova, pero tivemos que deixalos en caixas, xa que nos faltaba o mobiliario para colocar a biblioteca.



E voltamos en setembro, coa boa nova de que nos concederan o PlamBE, o que significada ter fondos para mercar algo de mobiliario, equipamento, libros, etc. Ese 1º trimestre adicámolo a organizar o que iamos mercar, o que podiamos reempregar dándolle unha man de pintura e acondicionando, planificar como ía ir montada a biblioteca (tiñamos unha planificación feita, pero tivemos que readaptala, xa que a pizarra dixital non podía ir onde inicialmente se programara), que espazos queriamos ter nela e como os iamos organizar vendo os mobles dos que iamos dispoñer... O noso conxerxe Antonio pintou de blanco parte das antigas estanterías para reutilizalas.


E mentres, o Equipo de Biblioteca, coa sala pechada, fomos poñendo en marcha as diferentes actividades que se levan a cabo no centro (Día das Bibliotecas Escolares, Mochilas Viaxeiras, préstamo de aula...). Para isto, decidimos dotar a cada aula cunha caixa de libros para as bibliotecas de aula, para que, mentres a sala da biblioteca estivese pechada, puidese haber préstamo para casa xestionándoo dende a aula. 


Así mesmo, puxemos en marcha o proxecto anual, coa actividade de motivación que vos presentamos AQUÍ, e para el montamos a exposición de materiais relacionados co proxecto cos que contabamos no centro e compartiuse co profesorado unha selección de recursos online tamén relacionados co PDI "A volta ao mundo montados nun prato". A exposición de materiais físicos púxose fóra da sala da nova biblioteca, para que o alumnado, aínda que non podía entrar na nova biblioteca, se fose familiarizando coa súa nova ubicación.


E mentres, fomos buscando novas ideas para a organización da nosa bibloteca unha vez que as estanterías e o novo mobiliario estivese listo. Grazas a un curso de bibliotecas ao que asisitimos e no que visitamos a biblioteca do CEIP Enrique Barreiro Piñeiro, en Vilariño, Cambados; co seu permiso, decidimos empregar o mesmo sistema de pictogramas que eles teñen na súa biblioteca. Adaptámolo aos nosos materiais e, xa no 2º trimestre, comezamos a traballar na nova organización da nosa biblioteca empregando este sistema de pictogramas combinado coa CDU. Nesta fase, xa comezaron a colaborar os nenos de 4º a 6º, que nos recreos viñan para axudar a recortar pictogramas, clasificar os libros polos temas da CDU, pegar gomets...


      

Pouco a pouco, con moitas horas de traballo, a nosa biblioteca comezou a tomar forma,fixemos unha CDU para ter sempre presente na biblioteca, etiquetamos as estanterías segundo a CDU e cos pictogramas escollidos para cada sub-tema dentro da CDU, os libros pouco a pouco comezaron a estar xa nos estantes co pictograma correspondente, fomos colocando o novo mobiliario, a ANPA regalounos unhas cortiñas para que a luz do sol non estrague os libros, evitar os reflexos nos ordenadores e non pasar demasiado calor, xa que o novo espazo é moi luminoso..



Tras meses de tanto traballo, decidimos que, aínda que quedaba moito por facer, a sala da biblioteca xa se podía empregar e, pouco a pouco, continuariamos etiquetando o que faltase e mellorando a nosa biblioteca. Decidimos inaugurala o día que se xubilou o noso director, como xa puidestes ler AQUÍ.




E dende ese día, coa nosa nova biblioteca aberta, seguimos a traballar en moitas cousas. Fixemos a a formación de usuarios para que todos os nenos do cole aprendesen a buscar libros co novo sistema de organización.


Os axudantes de biblioteca comezaron a "traballar" nos recreos facendo préstamo de libros, vixiando a sala, axudando aos máis pequenos cos ordenadores ou a procurar un libro... Todo isto, máis o traballo nas actividades de centro que se poñen en marcha dende a biblioteca. 



Como podedes ver, foi un curso de moita "actividade", pero agora podemos dicir que pagou a pena, xa que os nenos están respondendo moi ben á nova biblioteca, vindo incluso no horario de tarde no que antes case non viñan e amosando moito interese por colaborar, móstranse máis autónomos á hora de buscar materiais,... 







Xa para rematar esta loooonga entrada, deixámosvos un pequeno vídeo con imaxes da nosa biblioteca durante este curso 2014-2015.

Deica outro día!

No hay comentarios:

Publicar un comentario