xoves, 30 de outubro de 2025

Gañadores e gañadoras do concurso de debuxo e microrelato de Samaín 2025

Durante a celebración do Samaín e Magosto, vivimos un dos momentos máis esperados: a entrega de premios do concurso de debuxo e microrelato.

O alumnado puxo toda a súa imaxinación, creatividade e sentido do humor en cada obra, e o resultado foi espectacular. Tivemos historias arrepiantes, debuxos de medo e moita orixinalidade, o que fixo moi difícil a elección dos gañadores.

Parabéns a todos e todas polos vosos traballos, e en especial aos premiados deste ano:

  • Leo (4º de EI)

  • Valentina (1º de EP)

  • Sofía (3º de EP)

  • Lucía (4º de EP)

  • Gael (5º de EP)

Grazas por encher o cole de arte, misterio e moita fantasía.














Samaín e Magosto 2025

Hoxe o noso colexio encheuse de maxia, misterio e tradicións! Celebramos o Samaín e o Magosto, unha xornada chea de actividades nas que o medo e a diversión camiñaron da man.

Houbo disfraces para todos os gustos, pasillos terroríficos que fixeron tremer a máis de un e moitos xogos tradicionais que nos lembraron que tamén podemos pasalo ben co sinxelo e o de sempre.

O alumnado de 5º de primaria sorprendeunos con unha representación da obra “Corre, corre cabaciña”, que fixo as delicias de pequenos e maiores. Tamén celebramos a entrega de premios do concurso de debuxo e microrelato, onde o talento e a creatividade foron os verdadeiros protagonistas.

E, como non podía faltar nun día así, as castañas asadas no patio puxeron o toque máis saboroso desta celebración tan especial… entre algún que outro susto divertido

Rematamos así unha xornada inesquecible e agora toca descansar uns días. Vémonos de volta o martes 4, con enerxías renovadas e moitas ganas de seguir aprendendo! 















Podedes ver un vídeo da xornada na nosa conta de Instagram. 



Semana dos Xogos Tradicionais

Un ano máis chegou ao noso colexio a tan agardada Semana dos Xogos Tradicionais, unha ocasión perfecta para recuperar a maxia dos xogos de antes e compartir momentos cheos de diversión.

Grazas á colaboración de Cándido Mascato, quen nos volve prestar a súa magnífica colección, puidemos desfrutar dunha ampla variedade de xogos populares que forman parte do patrimonio cultural do Grove.

Ao longo destes días, nenas e nenos, mestras e mestres e todo o persoal do centro gozamos coma nunca, rindo, aprendendo e lembrando que xogar tamén é unha maneira de facer comunidade, de manter vivas as nosas raíces e, sobre todo, de ser felices.

Porque xogar é un dereito... e un pracer que non pasa de moda!










xoves, 23 de outubro de 2025

Saída ao teatro no auditorio de O Grove


Hoxe os alumnos e alumnas de 3.º e 4.º de Primaria tivemos a sorte de asistir á representación de Castelao no auditorio de O Grove. A obra, dirixida por Fina Calleja, presenta ao pequeno Castelao aos oito anos, na súa vila natal de Rianxo, alegre, divertido e con moita curiosidade.

A representación amosounos como, a través do xogo e da imaxinación, Castelao comezou a descubrir o seu amor polo debuxo, pola galeguidade e pola memoria do pobo.

Grazas á saída, non só desfrutamos do teatro, senón que descubrimos un gran persoeiro da cultura galega, entendido desde a infancia, e comprendemos que as raíces e os recordos do pobo tamén son un tesouro para conservar.






 

martes, 21 de outubro de 2025

Obradoiro de decoracións de Samaín na biblio

 

Obradoiro de decoracións de Samaín na biblio

Ao longo desta semana e da próxima, o noso alumnado está a participar no obradoiro de decoracións de Samaín durante os recreos na biblioteca. Esta actividade está a converterse nun espazo creativo no que os nenos e nenas poden dar renda solta á súa imaxinación decorando para esta celebración tan especial.

Os grupos de terceiro foron os primeiros en estrear o obradoiro e deron exemplo co seu traballo e ilusión. Hoxe sumáronse novos participantes, que continuaron enchendo a biblio de pantasmas, morcegos, cabazas e moita maxia terrorífica!

Aquí vos deixamos algunhas imaxes dos momentos vividos no obradoiro onte e hoxe. Mirade que artistas temos no cole!









luns, 20 de outubro de 2025

Primeiros momentos na biblio

 

Primeiros momentos na biblio

Ao longo deste mes, o alumnado de Infantil de 3 anos estivo a descubrir a nosa biblioteca escolar.

Foron entrando, coñecendo o espazo, aprendendo onde están os contos, como se coidan os libros e tamén descubrindo os xogos e recunchos que poden atopar nela.

Houbo tempo para mirar contos, escoitar historias, xogar, compartir e ir collendo confianza neste novo espazo que pouco a pouco xa senten como propio.

Está a ser unha experiencia tranquila e moi especial, na que cada neno e nena comeza a familiarizarse cun lugar que os acompañará durante moitos anos no colexio.