lunes, 27 de abril de 2015

SEMANA DO LIBRO- APADRIÑAMENTO LECTOR

Ola a todos!

Como ben sabedes, a pasada semana celebramos no cole a Semana do Libro. Todos os nenos do cole participamos en dúas sesións de "Apadriñamento Lector". 

En que consistiu? Como nos organizamos? Aquí volo contamos todo! 

Os "padriños" lectores foron os nenos de 3º a 6º de primaria organizados en parellas. Estas parellas, previo ás xornadas de apadriñamento lector, tiveron que escoller dous libros, un informativo e outro narrativo para contar aos máis pequenos do cole. Tiveron que ter en conta o seu público ademais dos seus gustos lectores, o que serviu para que, en moitos casos, coñeceran libros ata o momento descoñecidos para eles.


Unha vez escollido o libro, o que nos serviu ademais para ir familiarizándonos co novo sistema de catalogación dos libros da nosa nova biblioteca, rexistramos a nosa elección nunha lista.



E comezamos a practicar como lle iamos contar o libro aos nosos "afillados". Practicamos durante varios días para que todo saise xenial!





 E... chegou o martes 21 de abril, o día da nosa 1ª sesión de apadriñamento lector! Libros e padriños preparados!


Collemos a 3 nenos dos cursos inferiores, formamos un mini club de lectura nun recuncho do patio e... A VIAXAR COA LECTURA!






E así transcurriron as nosas dúas sesións de apadriñamento lector. O martes con ficción e o xoves con libros informativos que incluían: libros de animais, sobre alimentación, Xeografía, Paleontoloxía...

Foron unhas xornadas moi entretidas ademais de enriquecedoras, nas que todos gozamos da lectura dun xeito diferente. Foi ademais unha actividade cooperativa entre todo o alumnado que transcurriu sen incidencias e nun clima moi agradable. De seguro que repetiremos! 

Estade atentos que en breve vos contamos como foi a visita especial que tivemos hoxe no cole!

PD: Se queredes ver máis fotos e descargalas, só tedes que premer AQUÍ.

No hay comentarios:

Publicar un comentario