martes, 24 de marzo de 2015

24 DE MARZO DE 2015-UNHA DATA PARA RECORDAR


Hoxe, día 24 de marzo foi un día moi especial no noso colexio, xa que despedimos ao noso director, Pepe no día da súa xubilación. Despois de tantos anos de traballo e adicación ao noso colexio quixemos prepararlle unhas sorpresiñas para que teña un bo recordo de nós. 

 Aproveitando a ocasión, encargámoslle ademais un pequeño traballo, o de inaugurar a nosa nova biblioteca, que, aínda a falta de algúns detalliños, está lista para empezar a gozar da aventura da lectura e ser lugar de partida de moitas viaxes moi interesantes.


Unha vez inaugurada, decidimos que a mellor maneira de estreala era entrando todos para darlle alí ao noso director, algunha sorpresiña máis. E así o fixemos, todos sentadiños na biblioteca, vimos o vídeo homenaxe que lle preparamos entre todos os nenos do cole.



Despois de ver o vídeo, démoslle uns pequenos agasallos todos recollidos nunha MALETA PARA UNHA XUBILACIÓN CHEA DE SABORES, VIAXES E DIVERSIÓN!


Na maleta: "Para unha doce xubilación: 39 desexos polos teus 39 anos na profesión" (chea de 39 bombóns envoltos cada un cun bo desexo para a súa xubilación)


Un mandil personalizado para polo mundo montado nun prato poder viaxar.


E, xa case para rematar, cantámoslle unha rancheira mexicana ("Las mañanitas").


E... despois do noso pequeno homenaxe, e a inauguración da biblioteca, cando chegou a súa clase... ALÍ ESTABAN AS FAMILIAS; CUNHA FESTA PREPARADA E UNHA TORTA MOI AXEITADA PARA A OCASIÓN (ver arriba) ;)



Foi un día xenial, cheo de emocións, entre elas a tristura de que se vaia o noso director e compañeiro ao que IMOS BOTAR TODOS MOITO DE MENOS!

Para ver máis fotos da celebración, só tedes que premer AQUÍ.

xoves, 19 de marzo de 2015

ARROZ CON LEITE DE COCO

      Os Reporteiros Larpeiros preparáronnos xa outra apetitosa receita. De novo algo doce... é certo que son ben larpeiros!
      MANUEL PÉREZ tráenos de VENEZUELA un ARROZ CON LEITE un pouco diferente. Mirade, mirade...

ARROZ CON LEITE DE COCO

PRECISAS
1 pota
1 culler de madeira

ELABORACIÓN
medio litro de leite de coco
50  g de arroz
100 g de azucre
1 rama de canela
a pel de medio limón


PREPARACIÓN 

1. É moi sinxelo: pon a cocer todos os ingredientes a fogo lento até que o arroz estea cremoso.

 non esquezas remover para que non se pegue

Ata a próxima!


mércores, 18 de marzo de 2015

GALLETAS DE MANTEIGA DE CACAHUETE, UNHA RECEITA DENDE ESTADOS UNIDOS

Hai unhas semanas, nas clases de inglés, para festexar o día de San Valentín, os nenos de 4º puxéronse mans á obra para elaborar unha saborosa receita coa que gozar desta tradición que en EEUU se chama "Día do amor e da amizade". Cuns poucos ingredientes que todos temos na casa e MANTEIGA DE CACAHUETE, fixemos as sinxelas galletas. Podedes ver a receita no vídeo que tedes a continuación, agardamos que vos guste!

martes, 17 de marzo de 2015

A VOLTA AO MUNDO DENDE AS VOSAS COCIÑAS

Para atopar todas as receitas do mundo dos reporteiros larpeiros, só tedes que procurar este simboliño na barra lateral dereita do blogue. Non vos perdades ningunha! A cociñar!


venres, 13 de marzo de 2015

BACALHAU Á BRÁS

      Ola, ratiños de Conmeniño!
      Os nosos Reporteiros Larpeiros non deixan de traballar!
      Desta volta foi AINHOA MAQUIEIRA quen viaxou dende a súa cociña ata PORTUGAL para traernos este  prato de peixe.
      Unha maneira diferente de preparar o BACALLAU, e sobre todo, moi, moooi saboroso.


 BACALHAU Á BRÁS

para 4 persoas   x   preparación: fácil  tempo de elaboración: 90 minutos

PRECISAS
2 tixolas
1 coitelo
1 táboa
 
INGREDIENTES
400 g de bacallau desalgado
100 g de cebola
100 g de patacas
4 ovos
12 olivas negras
25 g de aceite de oliva


 PREPARACIÓN

1. Pela as patacas e córtaas primeiro en rodelas finas .

2. A continuación, fríteas até que estean douradas e resérvaas para máis tarde.

3. Agora corta a cebola en tiras e refógaa nunha tixola con aceite.

4. Vai engadindo o bacallau esminuzado na tixola e ao final bota tamén as patacas e remove todo.

5. Casca os ovos por riba e remove coma se fixeras un revolto.

6. Por último, decora coas olivas negras. Á hora de servir, podes darlle formas divertidas con diferentes moldes.


poñémonos mans á obra...

...e deseguida o teremos preparado


aquí tedes o resultado...

...unha presentación estupenda para este prato especial

Que aproveite!

xoves, 5 de marzo de 2015

EXQUISITO POSTRE DENDE ITALIA


      Que tal, ratiños?
      Temos nova receita dos Reporteiros Larpeiros!
      Esta vez ALEX viaxou dende a súa cociña ata ITALIA acompañado dos seus amigos Adrián e David, e preséntannos este postre delicioso: TIRAMISÚ.
      Velaquí a deixamos para vós.

TIRAMISÚ

para 6 persoas   preparación: fácil   tempo de elaboración: 45 minutos

PRECISAS
1 batedor
1 recipiente
1 fonte de forno

INGREDIENTES
500 ml de tona líquida
4 xemas de ovo
500 g de queixo mascarpone
20 biscoitos de soletilla
150 g de azucre
1 cunca de café
cacao puro en po

PREPARACIÓN
1. Comeza por montar a tona coa axuda do batedor.

2. Nun recipiente, mestura o queixo, as xemas de ovo e máis o azucre.

3. Engádelle a nata montada a esta mestura.

4. Agora, na fonte, coloca os biscoitos mollados en café até cubrir todo o fondo.

5. Logo bota un capa da crema de queixo.

6. Repite a operación cos biscoitos e a crema.

7. Esparexe por riba o cacao puro en po.


 facer un tiramisú é moi doado

aos nosos convidados encantoulles

 exquisito!!!

Animádevos a probalo.

luns, 2 de marzo de 2015

DENDE AS VOSAS COCIÑAS ATA... ESCOCIA

Ola ratiños!
Xa temos as primeiras fotos para o noso mural!
Son as de Zaira Vidal Domínguez de 1º de primaria, que esta fin de semana preparou unhas riquísimas galletas escocesas.
Seguro que tanto ela como a súa mamá o pasaron xenial cociñando.
Por ser as primeiras, o ratiño e a ratiña adicámoslle esta entrada do noso blogue e amosamos aquí as súas estupendas fotos.








 Estas galletas teñen unha pinta fantástica!

Moitísimas grazas, Zaira e Susana!

xoves, 26 de febreiro de 2015

PRIMEIRAS RECEITAS DOS REPORTEIROS LARPEIROS DENDE ESCOCIA E ARXENTINA


      Comezamos aquí a nosa serie de receitas do mundo.

    As reporteiras AINHOA MEIS e NEREA fixeron xuntas esta receita de GALLETAS de ESCOCIA, para empezar con algo sinxelo, pero non por iso menos saboroso.
      Tamén se animaron a probar os PANQUEQUES CON DOCE DE LEITE, típicos de ARXENTINA e moi parecidos ás nosas riquísimas filloas.

      Estaba todo boísimo!


 
GALLETAS ESCOCESAS

para 4 persoas    x    preparación: moi fácil    x    tempo de elaboración: 30 minutos


PRECISAS
1 recipiente
1 bandexa de forno
1 forno


INGREDIENTES
100 g de manteiga
50 g de maicena
100 g de fariña
50 g de azucre



PREPARACIÓN

1. Introduce todos os ingredientes no recipente e mestúraos.

2. Despois vai collendo anacos da masa e dalles forma de galletas.

3. Fornéas a 180º C durante 15 minutos.

4. Déixaas arrefriar un pouco e xa están listas para comer.

mesturamos os ingredientes


amasamos ben


dámoslle forma ás galletas

metémolas no forno

e listas para degustar!



PANQUEQUES CON DOCE DE LEITE

para 4 persoas    x    preparación: fácil
x    tempo de elaboración: 40 min + 2 h e 1/2 de cocción do leite    x


PRECISAS
1 tixola antiadherente
1 pota
1 batedor
1 recipiente
1 cullerón
1 espátula pequena ou coitelo para darlle a volta aos panqueques


INGREDIENTES

para o doce de leite
1 bote de leite condensado

para os panqueques
2 ovos
1 l de leite
50 g demanteiga fundida
125 g de fariña
25 g de azucre
sal



PREPARACIÓN

para o doce de leite

1. Pon o doce de leite condensado a cocer durante 2 horas e media dentro dunha pota e cuberto con auga abundante.

2. Trancorrido este tempo, déixao arrefriar e abre o bote. Véras que está máis denso e de cor marrón.

para os panqueques

1. Coloca todos os ingredientes nun recipiente e utiliza o batedor até que non quede ningun gromo.
2. Despois, nunha tixola ben quente bota un culleirón da masa dos panqueques e esténdea para que quede ben fina.

3. Deixa que se faga durante 10 segundos por cada lado e retira a un prato. Repite esta operación até que remates coa masa.

4. Por último, enche os panqueques co doce de leite e xa está listo o prato para presentar.

 batemos os ingredientes dos panqueques

 untámolos con doce de leite ou tamén con confitura, crema de cacao...

e este é o resultado


A vindeira semana estaremos aquí con unha nova e exquisita receita. Animádevos a probala e contádenos que vos pareceu.
E non esquezades facervos a foto e traérnola para o mural.

Bo proveito!




luns, 23 de febreiro de 2015

RECEITAS MUNDIAIS DOS NOSOS REPORTEIROS INTERNACIONAIS

Ola Ratiños!

O equipo de Reporteiros Larpeiros continúa coa nosa volta ao mundo deste curso facendo paradas en distintos países. Esta vez teñen a misión de presentarnos algún dos seus saborosos pratos típicos.

 E como larpeiros que son, non podían facelo sen antes asegurarse de que realmente están... deliciosos! Para iso, eles mesmos van elaborar cada prato. Acompañados dalgún amigo resultará aínda máis divertido, e por suposto, non temos que esquecer a axuda dalgún adulto.

Ao longo das vindeiras semanas irannos amosando aquí algunhas receitas propias dos máis diversos países do mundo.

Convidámosvos a que vós tamén as probedes nas vosas casas e nos deixedes un comentario contándonos se vos gustaron.

Ao Ratiño e á Ratiña gustaríanos ter un mural coas vosas fotos cociñando en familia ou degustando estes pratos de distintos países; facédevos unha foto e entregádella aos Reporteiros Larpeiros que se encargarán de montalo.
Estamos desexando velas!

xoves, 19 de febreiro de 2015

O NOSO MERCADIÑO SOLIDARIO II (DÍA DA PAZ 2015)

Despois de 4 días de intercambio de libros por alimentos, énchenos de ledicia poder dicir que o mercadiño solidario de Conmeniño foi todo un éxito.

Recollemos unha gran cantidade de alimentos, tanto para Cáritas como para o Refuxio de animais de Cambados, mostra da solidaridade do alumnado do noso colexio e das súas familias.

Ademáis disto, hai que agradecer a colaboración dos nenos de 5º e de 6º de primaria que se ocuparon nos recreos de atender o mercadiño.


Na clase de matemáticas, os nenos de 5º fixeron o reconto de todo o recollido. Este é un resumo das cousas que conseguimos reunir:

alimento
cantidade (en kg, l ou unidades)
para Cáritas
aceite
30 l
arroz
60 kg
azucre
14 kg
conservas variadas
44 U
galletas
20 U
garabanzos
36 kg
leite
58 l
lentellas
42 kg
pasta
78 kg
salsa de tomate
20 U
para o Refuxio
area para gatos
25 kg
penso para cans
49 kg
penso para gatos
7 kg

Tamén reunimos, en menor cantidade, os seguintes productos: cacao, chocolate e outros doces, caldo e sopa, fabas, sal, zume, latas e salchichas para cans e gatos, así como productos de limpeza.

Sen dúbida, a xente que dispón de poucos recursos e os animais sen fogar estaranvos moi agradecidos.


Dúas das cadeliñas do Refuxio acompañaron ás responsables do mesmo para recoller os productos donados por nós, e pasaron a saúdar aos nenos de cada clase para darlle as grazas. Aquí vos deixamos algunhas fotos.

 Estiveron encantadas de visitar as clases.

 Na clase de 5º estaban a facer o reconto dos productos.

 Foron moi agarimosas cos rapaces.

 


Grazas á colaboración de todos, reunimos un grande lote de productos para eles!


Tamén dende Cáritas nos enviaron unha carta de agradecemento.



Ademais de todo isto, dende a Voz de Galicia interesáronse pola nosa iniciativa e publicaron un artigo sobre a actividade, se queredes velo, só tedes que premer na imaxe inferior:


A todos os que colaborastes, MOITAS GRAZAS!

martes, 17 de febreiro de 2015

ENTROIDO 2015: UN ENTROIDO SABOROSO E VIAXEIRO

 Ola ratiños!
Como van esas vacacións de Entroido? Xa queda pouquiño, pero agardo que o esteades a pasar, polo menos, tan ben como o pasamos no noso Entroido Saboroso e Viaxeiro. Para recordalo, tráiovos aquí algunhas imaxes que agardo que vos gusten. 
Nesta pequena presentación poderedes ver a todos os protagonistas da nosa festa: as fresiñas de Infantil, dende reino Unido, os Harry Potter de 1º; as vaquiñas arxentinas de 2º A, os chineses de 2º B, os engalanados manteis de 3º, os cociñeiros larpeiros de 4º, os deuses aztecas de 5º e os reporteiros larpeiros de 6º de primaria! Así vestidos desfilamos ao ritmo da música escollida, e despois degustamos deliciosos postres de Entroido preparados polas nosas familias, ás que, unha vez máis, agradecemos a súa colaboración tanto para facer os disfraces como na elaboración destes deliciosos postres!



Se queredes ver todas as fotos do noso Entroido, só tedes que premer AQUÍ. Ata o xoves!

luns, 16 de febreiro de 2015

SAÍDA ESCOLAR- VISITAMOS OS MUSEOS CORUÑESES

Ola a todos!
Aquí vos traemos algunhas das fotos da nosa excursión a A Coruña e aos seus museos (Acuario, DOMUS e Casa das Ciencias) o pasado mércores 11 de febreiro. Foi un día xenial do que pronto os Reporteiros Larpeiros de 6º nos traerán a súa interesante crónica.



 Se queredes ver máis fotos, só tedes que premer AQUÍ.