venres, 5 de decembro de 2025

Contacontos da Biblioteca Municipal

✨ Que hai mellor que un conto? 📚💛

A Biblioteca Municipal do Concello achegouse ás nosas aulas para compartir un conto precioso narrado con kamishibai, unha técnica que sempre nos encanta pola súa maxia.

Nesta ocasión coñecimos a historia de Valentina, unha nena que se muda ao Grove e, pouco a pouco, aprende a superar os novos obstáculos, a facer amizades e a gozar dunha aventura chea de cambios e ilusións. 🏡✨

Foi un momento cheo de emoción, aprendizaxe e moita imaxinación. Grazas á biblio municipal por seguir sementando o amor pola lectura entre os nosos nenos e nenas! ❤️📖







xoves, 4 de decembro de 2025

Lector/a do mes de Novembro!

Queremos felicitar ao gañador e á gañadora do concurso “Lector/a do mes” neste mes de novembro:

Hugo, de 1º de EP, e Ana, de 4º de EP.

Parabéns aos dous polo seu entusiasmo lector e por gozar tanto dos libros. Sodes un gran exemplo para toda o cole!

Lembrade que, cada vez que rematedes un libro, podedes anotar o voso nome nos papeis preparados na biblioteca e depositalos na caixiña rosa. A finais de cada mes realizaremos o reconto e anunciaremos os novos/as gañadores/as.

Animámosvos a todos e todas a seguir lendo, descubrindo novas historias e participando no concurso.

Ler é, sobre todo, un placer e unha aventura que nos acompaña sempre.






xoves, 27 de novembro de 2025

As mulleres silenciadas da Idade Moderna - 25N -

No marco do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o alumnado de 5º de Primaria organizou a actividade “As mulleres silenciadas da Idade Moderna”, integrada na temática do noso PDI deste curso, Retroviaxe.

Ao longo desta actividade, as nenas e nenos guiáronnos por unha auténtica viaxe no tempo para coñecer artistas, exploradoras, científicas e pensadoras que deixaron unha fonda pegada na historia, aínda que durante séculos foron invisibilizadas polo simple feito de ser mulleres.

Foi un día para aprender, compartir e reflexionar, para lembrar que elas tamén descubriron o mundo e contribuíron ao seu avance.

Porque o 25N non é só unha data para lembrar, senón para reafirmar un compromiso: que ningunha voz volva ser silenciada.








luns, 24 de novembro de 2025

Mes da Ciencia en galego na aula de 5 anos!

 🦕 Na aula de 5 anos seguimos viaxando ao pasado!

Aproveitando o Mes da Ciencia en Galego, os nenos e nenas de 5 anos que están inmersos nun proxecto sobre os Dinosaurios, investigaron como puido ser a súa extinción… e puxéronse mans á obra cun experimento de volcán espectacular! 🌋✨

O mellor de todo? Saíulles tan ben que decidiron converterse en pequenos divulgadores e llo amosaron aos máis pequenos do cole! 🧪💚

Aprendizaxe, ciencia e xogo… todo nunha mesma explosión de entusiasmo!!!





venres, 14 de novembro de 2025

O club de lectura de 3º comeza a súa aventura lectora!

Hoxe tivemos a segunda sesión do Club de Lectura de 3º de Primaria, e foi todo un éxito. Para dar inicio a esta nova aventura, organizamos un pequeno xogo de pistas no que o alumnado tivo que poñer a proba a súa intuición, a súa atención e, por suposto, as súas ganas de ler.

Cada pista levounos un pasiño máis preto de descubrir o primeiro libro que traballaremos este curso no club. O título escollido é Somos os monstros, da autora galega Paula Carballeira. Unha obra de teatro chea de imaxinación, humor e reflexións sobre o medo, a identidade e a amizade. Estamos seguras de que vai dar moito xogo nas próximas sesións!

Agardamos seguir disfrutando destas pequenas xuntanzas lectoras que fan medrar a curiosidade, o gusto pola lectura e a ilusión por compartir historias.

O club de lectura xa está en marcha… e promete ser monstruosamente divertido!







luns, 10 de novembro de 2025

Comeza o Club de Lectura do curso 2025/2026!

Estamos moi ilusionadas de anunciar que xa deu comezo unha nova aventura lectora no nosa biblioteca! Neste curso 25/26, o Club de Lectura conta coa participación do alumnado de 3º, 4º e 5º de Primaria.

Como primeira actividade, os nosos pequenos lectores e lectoras puxeron a proba toda a súa creatividade deseñando o logo e o nome oficial do club. As propostas reflicten á perfección a ilusión coa que iniciamos este proxecto!

Nos próximos días descubriremos con que libros imos comezar a traballar. Seguro que serán lecturas cheas de aventuras, misterio e emocións que nos farán desfrutar e aprender xuntos.

Agardamos que este sexa un ano cheo de páxinas por descubrir, personaxes inesquecibles e moitas ganas de ler. O Club de Lectura 25/26 acaba de comezar... e promete ser unha experiencia marabillosa!












venres, 7 de novembro de 2025

Lectoras do mes de outubro!

Queremos felicitar ás nosas primeiras gañadoras do concurso “Lector/a do mes”:

Áurea, de 2º de EP, e Sofía, de 4º de EP.
Parabéns ás dúas polo seu entusiasmo e por disfrutar tanto coa lectura! 

Lembrade que cada vez que rematedes un libro, podedes anotar o voso nome nos papeis que hai preparados na biblioteca e metelos na caixiña rosa. A finais de cada mes faremos o reconto e anunciaremos os novos/as gañadores/as.

Animámosvos a todos e todas a seguir lendo e a participar neste mes de novembro




martes, 4 de novembro de 2025

Representación teatral de 5º: “Corre, corre, cabaciña”

Dentro das actividades de Samaín, o alumnado de 5º de Primaria preparou con moita ilusión a obra de teatro “Corre, corre, cabaciña”, unha divertida historia tradicional chea de humor, sustos e moita creatividade.

Durante varias semanas traballaron os diálogos, a música e o vestiario, e o resultado foi unha representación fantástica da que todo o colexio puido gozar.

Parabéns a todos e todas polos vosos esforzos, pola vosa posta en escena e pola alegría que transmitistes no escenario.

Aquí deixamos o vídeo da actuación, para que poidades revivir este momento tan especial.
Non esquezades poñer o volume... e prepararvos para correr detrás da cabaciña! 






 

xoves, 30 de outubro de 2025

Gañadores e gañadoras do concurso de debuxo e microrelato de Samaín 2025

Durante a celebración do Samaín e Magosto, vivimos un dos momentos máis esperados: a entrega de premios do concurso de debuxo e microrelato.

O alumnado puxo toda a súa imaxinación, creatividade e sentido do humor en cada obra, e o resultado foi espectacular. Tivemos historias arrepiantes, debuxos de medo e moita orixinalidade, o que fixo moi difícil a elección dos gañadores.

Parabéns a todos e todas polos vosos traballos, e en especial aos premiados deste ano:

  • Leo (4º de EI)

  • Valentina (1º de EP)

  • Sofía (3º de EP)

  • Lucía (4º de EP)

  • Gael (5º de EP)

Grazas por encher o cole de arte, misterio e moita fantasía.














Samaín e Magosto 2025

Hoxe o noso colexio encheuse de maxia, misterio e tradicións! Celebramos o Samaín e o Magosto, unha xornada chea de actividades nas que o medo e a diversión camiñaron da man.

Houbo disfraces para todos os gustos, pasillos terroríficos que fixeron tremer a máis de un e moitos xogos tradicionais que nos lembraron que tamén podemos pasalo ben co sinxelo e o de sempre.

O alumnado de 5º de primaria sorprendeunos con unha representación da obra “Corre, corre cabaciña”, que fixo as delicias de pequenos e maiores. Tamén celebramos a entrega de premios do concurso de debuxo e microrelato, onde o talento e a creatividade foron os verdadeiros protagonistas.

E, como non podía faltar nun día así, as castañas asadas no patio puxeron o toque máis saboroso desta celebración tan especial… entre algún que outro susto divertido

Rematamos así unha xornada inesquecible e agora toca descansar uns días. Vémonos de volta o martes 4, con enerxías renovadas e moitas ganas de seguir aprendendo! 















Podedes ver un vídeo da xornada na nosa conta de Instagram. 



Semana dos Xogos Tradicionais

Un ano máis chegou ao noso colexio a tan agardada Semana dos Xogos Tradicionais, unha ocasión perfecta para recuperar a maxia dos xogos de antes e compartir momentos cheos de diversión.

Grazas á colaboración de Cándido Mascato, quen nos volve prestar a súa magnífica colección, puidemos desfrutar dunha ampla variedade de xogos populares que forman parte do patrimonio cultural do Grove.

Ao longo destes días, nenas e nenos, mestras e mestres e todo o persoal do centro gozamos coma nunca, rindo, aprendendo e lembrando que xogar tamén é unha maneira de facer comunidade, de manter vivas as nosas raíces e, sobre todo, de ser felices.

Porque xogar é un dereito... e un pracer que non pasa de moda!