venres, 30 de xaneiro de 2026

Día da Paz e da Non Violencia

Hoxe, 30 de xaneiro, celebramos no centro o Día da Paz e da Non Violencia, unha xornada para reflexionar sobre a importancia do respecto, a convivencia e a resolución pacífica dos conflitos.

O alumnado de 6º de Primaria foi o encargado de ler un manifesto, compartindo con todos e todas unha mensaxe de paz e, solidariedade e compromiso cun mundo máis xusto.

Para pechar o acto, cantamos xuntos unha canción pola paz, na que participou todo o alumnado do centro, creando un ambiente de unión, respecto e convivencia, e reforzando a importancia de traballar estes valores de maneira conxunta.

Seguimos a traballar cada día valores que constrúen unha escola máis respectuosa e solidaria.









martes, 27 de xaneiro de 2026

Lecturas para o Día da Paz

Achégase o Día Escolar da Non Violencia e da Paz, que celebramos cada 30 de xaneiro, e desde o equipo da biblioteca preparamos, como cada ano, unha mesa temática cunha selección de libros.

A través destas lecturas queremos achegar ao alumnado valores como o respecto, a empatía, a solidariedade, a convivencia pacífica e a resolución dialogada dos conflitos. Os libros axúdannos a pensar, a sentir e a aprender a construír un mundo máis xusto e pacífico.

Animámosvos a achegarvos a esta selección, a lelos e a compartilos. Porque a paz tamén se aprende lendo.






xoves, 15 de xaneiro de 2026

Lector e lectora do mes de decembro

No noso cole seguimos apostando pola lectura como unha das mellores formas de aprender e desfrutar. Por iso queremos recoñecer o esforzo e a ilusión de dous alumnos que destacaron polo seu compromiso cos libros durante o mes de decembro.

A lectora e lector do mes de decembro son:

  • Valeria, de 3º de Educación Primaria

  • Dylan, de 2º de Educación Primaria

Ambos demostraron constancia, interese pola lectura e ganas de descubrir novas historias. Parabéns aos dous polo voso traballo!

Desde aquí queremos animar a todo o alumnado a seguir participando nas actividades lectoras do centro, a visitar a biblioteca e a deixarvos levar polos libros. Cada páxina lida é un paso máis nunha gran aventura.