mércores, 30 de abril de 2025

Recollida dos maios

 O alumnado do centro participou na recollida de xestas para os Maios. Foi unha saída ao entorno próximo, na que ademais de recoller, aprenderon sobre esta tradición popular e gozaron da natureza en grupo.

 

 

mércores, 23 de abril de 2025

SEMANA DO LIBRO

 📚Celebramos o Día do Libro... no teatro!

Con motivo do Día do Libro, desprazámonos ao auditorio de O Grove para desfrutar dunha adaptación teatral do clásico de Herman Melville: Moby Dick ou A Balea Branca.


A través desta historia de 1851, que narra a obsesiva e autodestructiva persecución dun gran cachalote branco por parte do capitán Ahab e a súa tripulación, achegámonos tamén a mensaxes moi actuais.
Falouse da contaminación mariña, da inxesta de plásticos polos animais, e da necesidade de protexer as especies ameazadas, como as baleas.

Un xeito diferente e moi enriquecedor de celebrar a lectura, combinando literatura, teatro e conciencia ambiental.




Actividade posterior relacionada coa obra:

 

Obradoiro de xabóns artesáns

 O alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria participou nun obradoiro de elaboración de xabóns caseiros, impartido pola nai de dous nenos do centro.


A actividade está enmarcada dentro do proxecto Depoemprende, no que estamos a traballar aspectos como a creación de produtos, a organización cooperativa e o espírito emprendedor.


Aprendemos o proceso de elaboración, os ingredientes naturais e a importancia de coidar os detalles na produción artesanal 🫧

Unha experiencia educativa na que conectamos aprendizaxe, creatividade e colaboración entre escola e familias.


 

 

martes, 22 de abril de 2025

Falamos de emocións!

O alumnado de 2º, tivo a sorte de contar coa visita de Elvira Romay, que veu ao noso cole para ofrecernos unha charla sobre as emocións.

Cada emoción ten unha función, e saber xestionalas axúdanos a crecer, convivir mellor e sentirnos ben connosco e coas demais persoas.
Unha experiencia que nos enriqueceu e que nos lembra que educar emocionalmente é tan importante como aprender a ler ou sumar.


Grazas, Elvira, por sementar conciencia emocional 🫶🏼



 

domingo, 20 de abril de 2025

🎨✨ A arte entra na escola: artistas locais no noso cole

Ao longo destes meses, tivemos a sorte de recibir no centro a varios/as artistas locais, que compartiron co noso alumnado o seu talento, a súa paixón e a súa experiencia creativa.

A través de diferentes obradoiros e encontros, achegáronnos ao mundo da pintura, escultura, ilustración, fotografía, música, cine... e outras expresións artísticas que forman parte da identidade cultural da nosa contorna.

Esta iniciativa ten como obxectivo dar valor á creación artística, visibilizar o traballo dos/as creadores/as do noso entorno e ofrecer ao alumnado referentes reais, próximos, que lles mostren que a arte tamén pode ser un camiño vital e profesional.

Aquí vos deixamos un vídeo resumo dalgúns deses momentos cheos de cor, emoción e aprendizaxe:




Grazas a todas as persoas que nos visitaron por facer da escola un espazo aínda máis creativo e inspirador. Seguiremos enchendo as aulas de arte e expresión!

venres, 11 de abril de 2025

De volta tras a Semana Santa... e que peche de trimestre tivemos!

 Esperamos que desfrutásedes moitísimo destas vacacións de Semana Santa, que volverades con enerxías renovadas e moitas ganas de seguir aprendendo.

O noso trimestre rematou por todo o alto coa visita de Carolina Rubirosa, cantante, compositora e produtora de O Grove, unha artista con grande traxectoria que nos fixo vibrar coa súa música. 🎤🎸
Apaixonada por estilos como o rock e o folk, ao longo da súa carreira compartiu escenario con grandes nomes como Coque Malla ou Andrés Calamaro. Na súa visita, cantounos cancións propias, contounos o seu significado e animou ao alumnado a seguir sempre o seu instinto e a confiar no seu talento.


Un peche de trimestre cheo de emoción, música e inspiración que nos deixou con moi bo sabor de boca! Grazas, Carolina, por regalarnos a túa arte!


Tedes os vídeos no Instagram do cole.

#CarolinaRubirosa #ProxectoDeArte #MúsicaQueInspira #TalentoGalego

mércores, 9 de abril de 2025

Artes galegas e Centro de Arte Rupestre de Campolameiro

 Centro Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campolameiro: por aquí vos deixamos un pequeno resumo das actividades dos maiores do cole 🥰


 



 


No Instagram do cole poderedes atopar máis vídeos e fotos das actividades que realizamos.

luns, 7 de abril de 2025

Unha mañá deliciosa con tortitas integrais!

 Esta semana, na aula de Educación Infantil, vivimos unha experiencia moi saudable: preparamos as nosas propias tortitas usando fariña integral! As nenas e os nenos participaron en cada paso da receita, desde medir os ingredientes ata ver como se cociñaban as tortitas e por suposto, saboreándoas con mel, sirope de arce e un pouquiño de chocolate 🫣


O resultado foi unha merenda riquísima e un momento compartido cheo de aprendizaxes. Foi todo un éxito!

 

 



martes, 1 de abril de 2025

Eduemprende- programa Atrévete

 O alumnado de 5° e 6° de Educación Primaria visitou hoxe o CIFP Politécnico de Santiago de Compostela a través do Programa Eduemprende- Atrévete a ter unha idea, onde coñeceron diversas ofertas formativas fomentando así o seu pensamento emprendedor.