martes, 9 de xuño de 2026

Club de lectura en 3º de Primaria

Este curso en 3º tivemos a oportunidade de participar por primeira vez nunha experiencia moi especial: o club de lectura. 

A nosa aventura comezou na biblioteca escolar, onde presentamos oficialmente o club. Para descubrir cal sería o libro que nos acompañaría durante as seguintes semanas, participamos nun divertido xogo de pistas. A través desta actividade non só fomos resolvendo enigmas, senón que tamén aprendemos a localizar libros na biblioteca empregando as súas etiquetas e a interpretar a información que nos ofrece a portada dunha obra.










Unha vez coñecido o libro, chegou o momento de dar identidade ao noso club. Entre todos e todas propuxemos diferentes ideas para escoller un nome e crear un logo que nos representase. Deste xeito, sentimos que formabamos parte da creación do club e que este era un proxecto construído por todo o grupo.




Nas semanas seguintes mergullámonos na lectura da obra de teatro "Somos os monstros", de Paula Carballeira. Pouco a pouco fomos descubrindo a historia, coñecendo ás súas personaxes e interpretando os seus diálogos. A lectura compartida permitiunos gozar da obra dunha maneira moi especial, poñendo voz a cada personaxe e dando vida ás escenas como auténticos actores e actrices.
















Ao rematar a lectura, puxemos en marcha a nosa imaxinación. Inspirándonos no libro, inventamos unha nova personaxe para a historia: o noso propio monstro. Reflexionamos sobre o seu aspecto, os seus gustos, a súa personalidade e tamén sobre os seus medos, comprendendo que, igual que lles ocorre aos protagonistas da obra, todos temos fortalezas e inseguridades que forman parte de nós.









Para pechar esta experiencia realizamos un traballo colaborativo por equipos. A través dunha actividade artística, decoramos ao Monstro Grande utilizando pequenos anacos de papel de cores, creando unha obra colectiva na que cada persoa achegou a súa parte para construír un resultado común.










Ao longo destes meses, o club de lectura converteuse nun espazo para compartir lecturas, expresar ideas, traballar en equipo, desenvolver a creatividade e descubrir o pracer de ler xuntos. Ademais de coñecer unha magnífica obra teatral, aprendemos que os libros poden ser unha porta aberta á imaxinación, á reflexión e á convivencia.

Foi unha experiencia moi enriquecedora que nos deixou grandes momentos, moitas aprendizaxes e, sobre todo, ganas de seguir compartindo novas aventuras lectoras nos vindeiros cursos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario